29 de xuño de 2021

Avaliación BBS 2020-2021

Compartimos os datos recollidos nas enquisas de avaliación da Biblioteca Brea Segade e o seu traballo no curso 2020-2021. 

Valoración dos datos recollidos nas enquisas de avaliación da BBS por parte do alumnado. 

 

Valoración dos datos recollidos nas enquisas de avaliación da BBS por parte do profesorado. 

Grazas!

28 de xuño de 2021

Profesións do mar

En Sexto, a raíz das entrevistas ás mulleres sobre os traballos relacionados co mar e o campo, decidiron investigar un pouco máis sobre algunhas das profesións do mar. Aquí tedes os resultados:

Silencio, estamos lendo!

O último número de EDUGA, a Revista Galega do Ensino, na sección de Bibliotecas Escolares inclue un artigo sobre a experiencia da Hora de Ler no noso colexio: Silencio, estamos lendo!

Na mesma sección publícase un artigo de Cristina Novoa Biblioteca escolar no ensino enraizado que ofrece unha interesante análise sobre a importancia das bibliotecas escolares nos centros rurais.

27 de xuño de 2021

Libros que veñen e van 2021

Como nos gustou abrir de novo as portas da BBS ás familias! 

Canto vos botaramos de menos! 

Felices lecturas de verán! 








21 de xuño de 2021

Libros que veñen e van

Volven as bolsas de lectura de verán! Pasade pola biblio e levade a vosa; este curso si que teremos préstamos para as vacacións de verán.

Charamuscas 34

O Equipo de Dinamización Lingüística vén de publicar un novo número de Charamuscas! E van 34!


Axudantes BBS 2020-2021

Hoxe despedímonos dos axudantes da BBS. Recibiron un diploma e uns agasallos pola súa participación no programa de Voluntariado de Lectura A. 

Grazas pola vosa colaboración!!

 


20 de xuño de 2021

Xornal BBS 21

Xa está aquí un novo número do Xornal BBS, o último deste curso. 

Parabéns, xornalistas do Brea! 

Proxectos semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

O proxecto "Máis ca leña" foi un dos tres seleccionados polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza para recibir apoio téccnico e axuda económica para o seu desenvolvemento. Parabéns á Comunidade de Montes o Fieitoso de Taragoña! Son moi boas novas para a Comunidade e tamén para o noso colexio que colabora no proxecto desde os seus inicios. 

Outro dos proxectos escollidos é o proxecto Terra do IES Félix Muriel. Parabéns, compañeiros/as! Como nos gusta ver que en Rianxo hai compromiso co medioambiente e co noso patrimonio natural.


 Nova recollida co Correo Gallego.

Nova recollida na Voz de Galicia.

19 de xuño de 2021

12 de xuño de 2021

De visita

A aula de Segundo foi ver como van as árbores que plantamos e de paso darlle unha visita ás cabuxas, que desde a última vez medraron un montón.

Obradoiro de booktrailers

Este xoves o alumnado de 5º e 6º parcipou nun obradoiro de booktrailers. A Asesoría de Bibliotecas Escolares agasallou aos axudantes da nosa biblio cun obradoiro de formación en recoñecemento do seu labor durante este curso. Os axudantes da BBS foron seleccionados xunto con outras nove experiencias dentro do programa de Bibliotecas Escolares Solidarias, no apartado de Voluntariado de Lectura A.

Escollemos un obradoiro de realización de recomendacións lectoras en formato audiovisual e foi un grande acerto: un agasallo para pasalo bomba, aprender, traballar en grupo e crear un produto final que podemos compartir. Que máis se pode pedir?

Estiveron con nós Roi Guitián e María Lobo, da empresa Gingko de comunicación audiovisual. Eles explicáronnos que son os booktrailers e o proceso para realizalos, desde a escolla do libro, pasando pola creación do storyboard, a escolla de escenario, do atrezzo, a gravación e rematando coa edición do vídeo. Todo ese proceso foi o que realizaron na mañá do xoves os rapaces e rapazas de 5º e 6º. Foi un traballo intenso, pero moi divertido. Iremos compartindo as súas creacións, veredes que aproveitaron moi ben a mañá. 

Grazas á Asesoría de Bibliotecas polo agasallo!

Grazas María e Roi por guiarnos no proceso e 

compartir a mañá con nós!

QUINTO EN ACCIÓN:






SEXTO EN ACCIÓN:








9 de xuño de 2021

Premio do concurso da Xanela do Maxín

Hoxe os nenos e nenas de 2º recibiron o premio polo cartel que realizaron para a obra a A viaxe de Saira e a Gárgola do Mestre Mateo en Rianxo Conectáronse ao canal de YouTube da Xanela do Maxín onde ademais de facerse público o cartel gañador puideron ver a obra A viaxe de Saira. A sorpresa foi que ademais recibiron un paquete cada un con tres libros e un peixiño-títere. Que sorte!!!
Grazas, A Xanela do Maxín!      

Temos que estar atentos, o 11 de xullo A Xanela do Maxín e o seu espectáculo A Viaxe de Saira estarán en Rianxo, non podemos faltar!!

Enreguéifate 2021

Xa están publicados os vídeos de todos os participantes na edición 2021 do Enreguéifate. Hai dúas categorías: escolares e xeral. 

Parabéns a Enreguéifate pola acolida desta edición e polo Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística, que recolleron en Pontevedra esta fin de semana. Fantásticos todos os vídeos! Non deixedes de entrar a velos na páxina da V Edición do Certame Enreguéifate

A clase de Sexto do noso cole participa na categoría escolar coa "Regueifa da Despedida de Sexto". Aquí os tedes, despedíndose do cole por medio dunha regueifa, bravo!!

 

8 de xuño de 2021

A Gárgola do Mestre Mateo

Nenos e nenas das aulas de 2º e 3º do noso colexio participaron nun concurso  convocado pola compañía a Xanela do Maxín para escoller o que será o cartaz anunciador da obra  A viaxe de Saira baseada no texto A gárgola do Mestre Mateo. En 2º e 3º leron ese texto e despois elaboraron cartaces con diferentes técnicas. 

Temos moi boas novas! Un dos carteis elaborado en grupo pola aula de 2º foi o gañador do concurso. Mañá mércores ás 12:30 na canle de youtube da Xanela do maxín darase a coñecer o cartel gañador.

Parabéns Segundo! 

E parabéns a todos os nenos e nenas 

que participastes no concurso!









El ratón de biblioteca

Unha das novidades da BBS é o manga “El ratón de biblioteca” de Miya Kazuki. Trata sobre unha muller de 20 anos, que tras un accidente, pidelle a deus que a reencarne nunha rapaza que poida ler moitos libros, pero se  reencarna nunha rapaza de 5 anos enfermiza, pobre, e, aínda por riba, nunha época onde os poucos libros que existen, só os poden ler os nobres. Nesta serie de libros, veremos como Myne, a protagonista, vai evolucionando e cada vez está máis cerca de conseguir ler un libro. A min gustoume moito, recoméndoo porque a medida que o vas lendo, vaste enganchando. 

Nerea, 6º.

 

Na BBS temos os seis primeiros títulos da serie, de momento... 😉

Buscádeos na sección de banda deseñada a ver que vos parecen.

Grazas pola recomendación, Nerea!

6 de xuño de 2021

Proxecto Ríos: xuño

Esta semana rematamos as visitas de primavera ao río Té. Desta vez encargáronse de comprobar o estado do río, facer as medicións e descubrir canta vida hai nas beiras e na auga os nenos e nenas de 1º, 3º e 4º. 

Era a primeira visita ao río da aula de 1º e tomáronno moi en serio: atendendo ás explicacións de Emilio, facendo anotacións e completando toda a camiñata como uns campións e campioas. Os de 3º e 4º xa son expertos, pero desta volta  sorprendéronse coa cantidade de invertebrados que descubriron e que identificaron coa axuda das fichas do Proxecto Ríos.

Volveremos en outono, pero xa sabedes, ao longo do verán seguiremos tendo que coidar o río Té, se vos cadra de ir por alí estade atentos/as.










Grazas, Emilio!