25 de novembro de 2023

25 N

Este venres tivemos no cole a conmemoración do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Ao longo da semana traballamos nas titorías sobre a necesidade de continuar conmemorando este día. As actividades xiraron en torno a unha canción recollida no Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo, Certo día vindo do muíño, que fala dos abusos a unha nena e do silencio, a peor resposta a calquera tipo de violencia. Tivemos a sorte de que un grupo de nais, con José Luis e Alma, prepararon e cantaron o tema para todos nós. Grazas!

Na Hora de Ler do venres escoitamos o tema, exhibimos altofalantes con mensaxes relacionadas co 25N e colocamos dúas flores de pascua no noso Xardín da Memoria, como símbolo de cambio e de esperanza nun futuro mellor para todas, para todos. 











Lembra, miña nena,
no teu corpo non manda ninguén!

Bebé bigotes

Antía Tarrío, Antía García, Alexandra, Valeria e Adam foron os contadores desta semana. Contáronnos Bebé Bigotes, unha divertidísima historia sobre unha parella que quería ter un bebé. Tiñan moitas ganas de participar nos contacontos do recreo e notouse, fixérono moi, moi ben. Hai canteira de contadores e contadoras! 😍





Xenial!

18 de novembro de 2023

Xornada de bibliotecas escolares de Galicia


Hoxe é día de formación. Un ano máis, asistiremos á Xornada de Bibliotecas Escolares, organizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e o Cafi, para continuar aprendendo e compartindo ideas, proxectos e experiencias sobre bibliotecas, lectura, aprendizaxe, cultura e información. 

17 de novembro de 2023

Logos gañadores

 

Parabéns aos creadores/as dos logos gañadores, que en breve converteremos en chapas. 

Parabéns a todo o alumnado do colexio polos incribles deseños que ambientarán a entrada do colexio; todos sodes uns artistas. 

E parabéns aos membros da mesa electoral que fixeron un traballo fantástico. 

Escrutinio e resultado

 Na Hora de Ler  os vogais e a presidenta abriron a urna, levaron a cabo o escrutinio dos votos emitidos e levantaron acta. 



Os resultados foron moi axustados; tal e como pensabamos resultou difícil escoller. 

Votacións

 






Ao longo do recreo, alumnado, profesorado e a nosa conserxe exercemos o dereito ao voto e escollemos o noso logo favorito. E foi ben difícil, todos eran moi bos!
Impresionantes os compañeiros e compañeiras da mesa electoral, moi profesionais. 😍

Constitución da mesa electoral

A primeira hora da mañá Columba repartiu nas clases de 4º, 5º e 6º as cartas nas que se informaba aos membros da mesa electoral que foran seleccionados, por sorteo, e que tiñan que achegarse á biblioteca ás 11:30 para constituír a mesa electoral. Houbo sorpresa e nervios; estas votacións eran das de verdade!






E a mesa quedou constituída, ás 11:50,  por unha presidenta e cinco vogais. Todo listo para comezar coas votacións!

16 de novembro de 2023

Mañá votamos

Todo listo para votar mañá e escoller o logotipo do proxecto da BBS deste curso "Sempre dando a nota". Vai estar difícil escoller, como xa foi difícil seleccionar nas aulas os logos que representaban a cada grupo. Todos están expostos na entrada e hainos chulísimos. 



Finalistas:




O monstro e a nena

 Xa desde a semana pasada Anta e Aitana estiveron moi atarefadas na biblio e ata na casa. Prepararon con moito agarimo o conto que nos contaron esta semana nos contacontos do recreo da BBS. O monstro e a nena de Sergio Costas Chaos e Jorge J. Costas. 


E chegou o día!
Anunciando o conto na entrada do cole

Descubrimos que temos dúas novas grandes contadoras no cole. Que ben o fixeron! E como nos gustou o conto que escolleron! Unha historia de monstros, pero moi diferente de todas as que poidades coñecer. Buscádea na biblioteca, vaivos gustar. 




E aínda tiñan unha sorpresa para rematar.




Grazas!!

Bravo, contadoras!