31 de outubro de 2021

Samaín!

O venres celebramos o día de Samaín no cole, pero xa desde o mércores a entrada estivo decorada cunha terrorífica exposición de cabazas talladas nas casas. 
Hoxe, 31 de outubro, celebrade o día de Samaín nas vosas casas e pasádeo de medo! 🎃🎃

2º de viaxe

Na aula de 2º xa comezaron a traballar co Proxecto Documental Integrado deste curso. Aquí os tedes poñéndose ao día cos preparativos para comezar calquera viaxe.

Seguimos emitindo

Os mércores e xoves a Radio BBS continúa emitindo nos recreos e cada semana estréanse nos micros novos locutores e locutoras, axudantes da BBS de 5º e 6º. Que ben o estades a facer! Dá gusto escoitarvos!

30 de outubro de 2021

De viaxe... en globo!

Ao longo das últimas semanas en todas as clases estivemos dando a coñecer e iniciando o proxecto deste curso, De viaxe! Cada titoría deseñou e decorou un globo para expoñer no taboleiro da entrada do centro e dar saída ao proxecto que xa se empezou a desenvolver nas aulas. Todo o colexio en marcha, de viaxe...
Cuarto
Segundo
Primeiro
Quinto
Terceiro     
Sexto

Día da biblioteca: Bubishers

Un dos taboleiros do exterior da biblioteca quedou decorado cos bubisher que fixemos o Día das Bibliotecas e as palabras que para todos nós representan as bibliotecas, a todas, estean onde estean. Descubrimos o porxecto Bubisher e continuaremos afondando nel.

22 de outubro de 2021

Bibliotecas que viaxan

Hoxe na Hora de Ler todo o cole veu a presentación que elaborou o equipo da biblio sobre as bibliotecas que viaxan e descubriu o proxecto Bubisher de bibliobuses e bibliotecas nos campos de refuxiados saharahuís en Tinduf. Foi o comezo da nosa celebración do Día das Bibliotecas.

Despois decoramos paxaros, o bubisher saharahuí e o merlo, lembrando ao merlo larpeiro do poeta rianxeiro Faustino Rei Romero. Queremos que ambos paxaros presidan a entrada da escola representando a importancia de que todos os nenos e nenas medren rodeados de libros, de bibliotecas e de cultura.

Bubishers


Merlos, como O Merlo larpeiro de Faustino Rei Romero

Viaxando!

As Mochilas viaxeiras xa están en seis casas de nenos e nenas do cole. Hoxe emprenderon viaxe, unha viaxe que durará meses e que as levará por diferentes lugares de Rianxo e mesmo por municipios veciños.
Aproveitando que este curso o proxecto da BBS vai sobre viaxes e que as Mochilas visitan diferentes parroquias e lugares de Rianxo pedimos a colaboración das familias para facer un "mapa en imaxes" de lugares de Rianxo e a Barbanza que temos que visitar e gozar en familia. Animádevos a darnos propostas e, se tedes tempo, a mandarnos fotos.
Boa viaxe, Mochilas!