31 de maio de 2023

Grazas, axudantes!

 

En maio rematan a súa colaboración os axudantes da BBS. Hoxe despedímolos cun pequeno agasallo para agradecerlles o moito que traballaron e axudaron na biblioteca neste curso. As axudantas de Sexto xa non estarán o vindeiro curso, agardamos que lembren con agarimo o seu paso pola BBS. Nós lembrarémonos moito delas! Na foto faltan Alberte e Paula, que hoxe non estaban no cole.

Moitas grazas a tod@s! 

Lectura e familias: Que conto contamos?

Imos dar a despedida con Paula Carballeira. Grande peche para o programa Lectura e familias, co que volvemos a abrir as portas da BBS a toda a comunidade. 

29 de maio de 2023

Piragüismo

A semana pasada todo o cole participou nunha sesión teórico práctica de piragüismo, a cargo de dous membros do Club de Piragüismo de Rianxo. Todos lle colleron o xeito rapidamente, agora hai que animarse a practicar no mar.

Grazas ao Club de Piragüismo de Rianxo por achegarse ao cole a darnos a coñecer este deporte. 











25 de maio de 2023

Ciencia na biblio

Esta semana, dentro do programa Lectura e familias, descubrimos os macroinvertebrados de río da man de Emilio Saborido. Aprendemos a coñecelos e clasificalos empregando as fichas didácticas do Proxecto Ríos. Emilio tróuxonos bicharía do Té e despois levouna de volta ao río. Foi moi interesante; incrible a de cousas que nos contou sobre eses seres tan pequenos e que sempre nos pasan desapercibidos. 

Grazas, Emilio!









Mochilas Viaxeiras 14

Agora si! Esta semana saiu a última Mochila Viaxeira, cara ao Araño. A espera foi longa, pero as mochilas sempre acaban chegando 😍

Grazas, Fousas!

 





21 de maio de 2023

De romaría!

Onte fomos de romaría, á II Romaría das Fousas. Todo o cole colaborou con debuxos para a decoración de Filgueiras, que luciu onte coma nunca, grazas á limpeza que fixeron nas semanas pasadas a Comunidade de Montes, o Concello de Rianxo e o colectivo Fousas ao Monte. Ao longo do día moitas familias do Brea Segade desfrutaron das actividades programadas: xogos, faladoiro, obradoiros, música... Foi todo un éxito.

                            Parabéns Fousas ao Monte! Longa vida á Romaría das Fousas!












Premios Fousas ao Monte

 

😍




Onte, na II Romaría das Fousas, o CEP Brea Segade foi agasallado cun dos premios Fousas ao Monte polo seu traballo de divulgación e educación no eido medioambiental. 
Moitas grazas aos compañeiros e compañeiras de Fousas, polo premio e, sobre todo, polo voso traballo e por contar co noso colexio para colaborar con vós e para desenvolver proxectos tan interesantes como "Máis ca leña". 
Tamén foron premiados a Comunidade de Montes de Baroña e Mariano Saborido, un orgullo compartir premio con vós. 

Carreiras de Orientación

Este xoves o alumnado de 4º, 5º e 6º participou nunha actividade de iniciación ás carreiras de orientación, promovida polo Concello de Rianxo e desenvolvida por Richi Figueroa da empresa Xesta Natureza. Divididos en dúas quendas, tiveron que realizar un percorrido polo patio, que viña marcado no plano que recibiu cada participante, pasando por diferentes balizas na orde correcta. Tratábase dunha carreira, pero o importante era ser capaces de ler o plano, orientarse e despois intentar realizar a proba no menor tempo posible. Foi moi divertido!

No mes de xullo teremos a posibilidade de volver participar nunha carreira de orientación, desta vez en Rianxo. Estaremos atent@s ás datas.