Amosando publicacións coa etiqueta bibliotecas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bibliotecas. Amosar todas as publicacións

27 de novembro de 2022

Novembro: mes da ciencia en galego

 

Entramos na última semana de novembro, o mes no que reivindicamos a ciencia en galego, que no noso cole e na nosa biblioteca se fai durante todo o ano. Compartimos o manifesto deste ano, escrito por José Tubío, profesor, investigador e divulgador na USC, que reclama a necesidade de coñecer a historia da ciencia. 

O manifesto refírese á Real Expedición Filantrópica da Vacina da variola, un feito científico épico que se levou a cabo entre 1803 e 1806 e foi recollido en diferentes obras, entre as que destacamos Os nenos da Variola de María Solar. A compañía Pérez e Fernández realizou unha adaptación teatral da obra de María Solar, que poderemos ver no Auditorio de Rianxo o vindeiro venres 9 de decembro. Tal e como expoñen na páxina da compañía: «Os nenos da varíola é un proxecto escénico de divulgación científica, memoria histórica e de posta en valor dunha muller pioneira esquecida pola historia: Isabel Zendal.» 

Estamos de sorte: divulgación científica, memoria historica, igualdade e teatro. Non podemos pedir máis! 

23 de outubro de 2022

Día das bibliotecas 2022: BiblioTEcoida

 


Mañá 24 de outubro é o Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas: escolares, públicas, universitarias... Nós tamén teremos a nosa celebración, aínda que na BBS todos os días do ano son Días da Biblioteca. 

BiblioTEcoida é o lema deste ano. O cartel foi elaborado pola ilustradora e autora de banda deseñada Xulia Vicente, galega de Cariño, que actualmete reside en Valencia. Xulia recolle moi ben a idea de biblioteca para tod@s, que nos acompaña e nos ofrece recursos para medrar e vivir: a biblio que nos coida 😍.

5 de decembro de 2021

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

Rematou novembro, mes no que nos sumamos á proposta da Asesoría de Bibliotecas Escolares e propuxemos ás aulas facer ciencia en galego, relacionada co PDI deste curso. O equipo de biblioteca preparou un documento cunha escolma de experimentos que enviou a todas as aulas e pasaron cousas tan chulas coma estas:  
Só agardamos que a ciencia en galego continúe presente no día a día das nosas aulas, porque experimentar e crear son as mellores maneiras de aprender. 
 

Mes da ciencia en galego: flotación e densidade

 

Na aula de 2º comprobaron a densidade da auga, aceite, xabón e area e como inflúe na flotación dos corpos.Están feitos uns científicos e científicas estes nen@s de 2º!

28 de novembro de 2021

20 de novembro de 2021

Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021

Hoxe, sábado, celébrase en Santiago a Xornada das Biblioteccas Escolares, un día de formación e encontro para o profesorado vencellado ás bibliotecas. Retomamos a presencialidade na formación e tomamos a palabra para falar das nosas biblios, compartir proxectos, ilusionarnos con novas ideas... aprender.  
 

30 de outubro de 2021

Día da biblioteca: Bubishers

Un dos taboleiros do exterior da biblioteca quedou decorado cos bubisher que fixemos o Día das Bibliotecas e as palabras que para todos nós representan as bibliotecas, a todas, estean onde estean. Descubrimos o porxecto Bubisher e continuaremos afondando nel.

22 de outubro de 2021

Bibliotecas que viaxan

Hoxe na Hora de Ler todo o cole veu a presentación que elaborou o equipo da biblio sobre as bibliotecas que viaxan e descubriu o proxecto Bubisher de bibliobuses e bibliotecas nos campos de refuxiados saharahuís en Tinduf. Foi o comezo da nosa celebración do Día das Bibliotecas.

Despois decoramos paxaros, o bubisher saharahuí e o merlo, lembrando ao merlo larpeiro do poeta rianxeiro Faustino Rei Romero. Queremos que ambos paxaros presidan a entrada da escola representando a importancia de que todos os nenos e nenas medren rodeados de libros, de bibliotecas e de cultura.

Bubishers


Merlos, como O Merlo larpeiro de Faustino Rei Romero

Día das bibliotecas

21 de novembro de 2020

Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia 2020

 

Este ano os encontros de bibliotecas escolares, organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebráronse en rede. Foron diferentes na forma, pero igual que outros encontros no fondo: unha oportunidade única para escoitar a algúns dos maiores expertos/as en bibliotecas, lectura, cultura, innovación e educación de calidade. Volveron ser tamén unha oportunidade de coñecer de primeira man experiencias de bibliotecas escolares galegas.

Como cada ano, a Asesoría ofreceunos un programa interesantísimo, unha formación que reforza o noso convencimento da necesidade de facer das bibliotecas espazos de aprendizaxe creativa e colaborativa e motores da da dinamización cultural nos centros de ensino... tamén en tempos de pandemia. Grazas!

24 de outubro de 2020

Día das bibliotecas 2020


                              

Feliz Día das Bibliotecas!

Bibliotecas, sempre ao teu carón.

Así ven a Biblioteca Brea Segade os usuarios e usuarias:

BBS para o alumnado de Primeiro

BBS para o alumnado de Segundo

 

BBS para o alumnado de Sexto:

18 de outubro de 2020

Xeografías lectoras na biblioteca escolar

Estamos en outubro, mes das bibliotecas e o vindeiro sábado 24 celebraremos o Día da Biblioteca. Na BBS imos ter unha semana especial, na que falaremos da nosa biblioteca, de libros, de escritoras e na que damos a coñecer a campaña da Asesoría de Bibliotecas Escolares para este curso:  

Xeografías Lectoras na biblioteca Escolar


XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros... 

Neste curso tan diferente, no que día a día reinventamos o traballo na escola e nas bibliotecas escolares, a campaña da Asesoría céntrase na lectura, nas súas enormes potencialidades e no seu papel fundamental na aprendizaxe e na formación integral do noso alumnado. Aceptamos, encantadas, a proposta e adentrámonos nas xeografías lectoras, da man do cartel deseñado pola ilutradora Bea Lema.

12 de xuño de 2019

In memoriam: Charo Sanchez-Gabriel

Querida compañeira, querida amiga. 

Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza. 
Hai tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuiches a fundar. E xa daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos. A túa forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para quen tivemos a honra de tratarte. Xa daquela, cando a enfermidade se cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas Escolares de Galicia, un valeiro irreemplazable. 
Pero o de hoxe é difinitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti! 
 As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante. Os que te coñecimos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia. Os que non tivéchedes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: Mesturas 

Ata sempre, Charo! 

Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE

19 de maio de 2019

Lusofonía no LIX Rianxo

A cultura convidada no Salón do Libro de Pontevedra deste ano foi a lusofonía e no LIX Rianxo temos a sorte de poder gozar da colección de literatura infantil e xuvenil portuguesa do Salón. 
Como a "cabeza non para" 😉, en colaboración entre a BBS e a BPM Castelao de Rianxo, elaboramos un xogo para que  o alumnado de 1º, 2º e 3º do cole descubrira parte desa colección na visita á biblioteca municipal que fixemos o mércores pasado dentro das actividades do LIX Rianxo. Foi todo un éxito, tanto que rematamos a actividade pedíndolle a Sofía que nos deixara en préstamo unha escolma de libros portugueses para poder seguir léndoos e aproveitándoos no cole a semana que vén.
Grazas, Sofía! Un pracer, sempre, colaborar contigo e visitar a B.P.M Castelao. 😘




















23 de marzo de 2019

Biblioteca escolar, espazo de lecturas

Este venres participamos nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, falando sobre a BBS nunha sesión sobre bibliotecas e lectura. Compartimos mesa coas compañeiras do IES Agra de Raíces de Cee, que presentaron a súa experiencia en clubs de lectura. Agradecemos á Asesoría de Bibliotecas Escolares e ao Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) que nos convidaran a compartir a experiencia da Biblioteca Brea Segade nos Encontros.


15 de decembro de 2018

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Ao longo de novembro e primeiras semanas de decembro traballamos nas aulas sobre ciencia, sumándonos á campaña da Asesoría de Bibliotecas Escolares,  Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. 
Decidimos realizar experimentos, seguindo o método científico, nos que a alimentación e os alimentos foran protagonistas, para integrar as actividades no noso PDI deste curso: Decotío, sopa de letras. Cada aula escolleu e levou a cabo a súa experimentación e despois compartiu resultados en form,a de murais, artigos para o xornal BBS, entradas no blog de aula...
O que nos quedou claro a todos é que experimentar axuda a aprender e que queremos seguir facendo ciencia en galego ... todo o curso. 😉

Mes da Ciencia en Galego no blog de Terceiro.

11 de decembro de 2018

Concurso Xogando coa CDU

Estamos de sorte! 😀
Acabamos de saber que somos un dos centros premiados no concurso Xogando coa CDU convocado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia. Recibiremos un lote de libros e temos varias propostas moi interesantes, ademais da nosa, para aproveitar o novo cartel da CDU e aprender a manexarnos mellor nas nosas bibliotecas.


11 de novembro de 2018

IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Esta fin de semana celebráronse as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, organizadas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia e o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación). Como cada ano, estas xornadas son unha cita ineludible para o profesorado interesado e implicado no funcionamento das bibliotecas escolares. Con expertos referentes no traballo en bibliotecas, experiencias interesantísimas de bibliotecas galegos e do resto de España e espazos de encontro e diálogo entre compañeiros/as, as Xornadas constitúen unha oportunidade única de formación e intercambio para todos os que cremos firmemente no papel e no poder das bibliotecas para transformar e innovar no sistema educativo. 
Alí estivemos membros do equipo da BBS, aprendendo, compartindo ideas, renovando a ilusión e o compromiso e tendo sempre no noso horizonte unha biblioteca de calidade para o noso centro: a Biblioteca Brea Segade 😍
Parabéns á organización e grazas por estes espazos de formación, tan necesarios e tan valiosos. 
E mañá... en acción de novo, coas baterías a tope de carga! 😉