Esta fin de semana celebráronse as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, organizadas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia e o CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación). Como cada ano, estas xornadas son unha cita ineludible para o profesorado interesado e implicado no funcionamento das bibliotecas escolares. Con expertos referentes no traballo en bibliotecas, experiencias interesantísimas de bibliotecas galegos e do resto de España e espazos de encontro e diálogo entre compañeiros/as, as Xornadas constitúen unha oportunidade única de formación e intercambio para todos os que cremos firmemente no papel e no poder das bibliotecas para transformar e innovar no sistema educativo.
Alí estivemos membros do equipo da BBS, aprendendo, compartindo ideas, renovando a ilusión e o compromiso e tendo sempre no noso horizonte unha biblioteca de calidade para o noso centro: a Biblioteca Brea Segade 😍
Parabéns á organización e grazas por estes espazos de formación, tan necesarios e tan valiosos.
E mañá... en acción de novo, coas baterías a tope de carga! 😉
Ningún comentario:
Publicar un comentario