29 de marzo de 2020

Radio BBS abrindo as xanelas

Queremos que se escoite outra vez a voz da nosa escola, imos gravar e subir un novo programa da Radio BBS, contando coa vosa colaboración desde as casas. 
Precisamos que nos mandedes audios, mensaxes de voz, que vos graven os vosos maiores nos seus teléfonos. Con todos eles montaremos un programa especial que nos levará de viaxe por Taragoña, o Araño, Rianxo, Boiro...
Aquí van os pasos a seguir: 

28 de marzo de 2020

Como están as nosas cabuxas?

Moit@s lembrástesvos das cabuxas e preguntastes por elas. Levamos xa quince días sen velas e neste tempo medraron e espabilaron un montón. Os compañeiros e compañeiras de Fousas ao Monte están recolléndoas pola noite e abríndolles polas mañás e Emilio Saborido mandounos este vídeo e estas fotos para que vexamos como están. Mirade que chimpos dan e como xogan. Dá gusto velas!






Mirade que corniños!


Grazas, Emilio! 
Grazas aos Fousas ao Monte por coidar delas!

27 de marzo de 2020

Día Mundial do teatro

Hoxe é o Día Mundial do Teatro. Queremos compartir desde o noso blog o fermoso manifesto que Paula Carballeria escribiu para a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Celebramos este día nas casas, pero non esquecemos, tal e como nos di Paula, que o teatro é preciso.

Manifesto de Paula Carballeira, para GÁLIX no Día Mundial do Teatro.


Lembra, é preciso o teatro
Hai pouco escribín unha peza de teatro. 
Tiven a sorte de que unha compañía de teatro me encargase o texto dunha peza que querían representar, porque ao teatro lle falta algo se os textos non se representan. 
Tiven a sorte de que unha editorial quixo publicar o texto de teatro, porque hai unha chea de textos de teatro que ninguén publica e acaban esquecidos. A obra chámase “Carabela” e empeza así:  

CARABELA.- Imos imaxinar unha historia. 
As historias non existen se ninguén as imaxina, aínda que acontecesen de verdade. 
Por iso hai que contalas. 
Vouvos contar un anaco da miña historia.
Pero non a vou contar eu soa. 
Para iso está o teatro. 
Para que as historias teñan vida.” 

Precisamos teatro. 
Lembra. 
Ao final, somos seres sociais. 
Sen teatro nunca aprenderemos a confiar nos demais, a inventarnos e reinventarnos, a buscar as palabras coas que mellor expresar o que sentimos, a disfrazarnos de todas as persoas que levamos dentro e ser directores e directoras desas infinitas postas en escena que nos dan outras perspectivas, que nos axudan a poñernos no lugar do outro, da outra, que nos ensinan que se poden contar historias con luz, música, movemento, poesía, nun acto artístico complexo. 
Sen teatro esqueceremos o que somos. 
Sen teatro, as pantallas tomarán o poder e xa se sabe que as pantallas teñen pouca imaxinación. 

Porque o teatro é irreverencia, rebeldía, liberdade. 
Porque a miúdo non nos convence a escenografía, nin a iluminación, nin o vestiario da nosa realidade e precisamos pensar noutras posibilidades. Porque queremos ver como GÁLIX obra vida diante dos nosos ollos a poesía, as emocións na carne e nas palabras de quen as interpreta. 

Porque cada acto teatral é un momento efémero, único no tempo e no espazo, como un riso ou unha bágoa, que nunca son iguais a outro riso ou a outra b ágoa. Porque durante o breve tempo dun espectáculo esquecemos as nosas miserias, grandes ou pequenas, os nosos medos e as nosas tristezas. Só existen na escena. E sempre é un xogo o que acontece en escena, que empeza e acaba nela. 

Precisamos xogar o mellor e o peor do ser humano enriba dun escenario. Precisamos compartir momentos de vida con persoas coñecidas e, sobre todo, descoñecidas, sen pantallas polo medio. 
Precisamos rir e chorar ata quedar sen folgos coa complicidade da ficción que se nos presenta, coa seguridade de saber que, no teatro, non funcionan as convencións de fóra, e que é difícil sentirse so, sentirse soa. 
Precisamos comprobar que os seres humanos podemos confluír para crear beleza. 
Precisamos estirar os límites do tempo e do espazo, derrubar paredes, respirar a pleno pulmón. 
Lembra. 
Non o esquezas. 
Precisamos teatro.
                                                          Paula Carballeira

24 de marzo de 2020

Contos contados

Aquí tedes o enlace á canle de televisión da editorial Kalandraka. Durante a corentena están a subir un conto diario, empezaron por algúns ben coñecidos: O coelliño branco, A cebra Camila 😍 Entrade a ver!


http://www.kalandraka.tv/gl/seccion2.php?id=33

20 de marzo de 2020

Poesía nas casas: Saúl


Poesía nas casas: Mateo e Rubén

Poesía nas casas: Rita

Poesía nas casas: Mínia

Poesía nas casas: Emilio

Poesía nas casas: Cova

Poesía nas casas: Breogán

Poesía nas casas: Claudia

Poesía nas casas: Lucía e José Ángel

Poesía nas casas: Dália e José Luis

Poesía nas casas: Emilio

Poesía nas casas: Nerea

Poesía nas casas: Alberte

19 de marzo de 2020

Brea Segade Música

Temos nova páxina no cole, da Aula de  Música. Estade atentas e atentos a ela, iredes tendo recursos para seguir tocando, cantando e gozando coa música coma no cole. Entrade e enchede as vosas casas de música.

https://cepbreasegademusica.blogspot.com/

Antoloxía de Celso Emilio Ferreiro

Aquí tedes outra antoloxía que fixemos na BBS xa hai uns anos. É unha pequena escolma dun dos grandes poeta galegos, Celso Emilio Ferreiro, que fixemos coincidindo co centenario do seu nacemento. 

Poemas para construír a paz

Aquí tedes a escolma de poemas para o Día da Paz que fixemos este curso, outro bo feixe de poemas para escoller.

18 de marzo de 2020

Versos de muller

Comezamos a compartir poesía con esta escolma, Versos de Muller, elaborada pola BBS xa hai uns anos pero que seguimos atopando nos andeis físicos e virtuais da nosa biblio e seguimos relendo.
Aquí tedes poemas para o día a día e tamén, se queredes, para ir preparando a vosa gravación. 


17 de marzo de 2020

Poesía nas casas

O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía, na BBS celebramos cada curso o Mes da Poesía e este ano non vai ser diferente, imos ler, recitar, ilustrar, gozar da poesía na casa. 
Convidámosvos a ler poesía neste mes de marzo, un poema cada día polo menos. Nós iremos colgando no blog escolmas poéticas e enlaces a páxinas nas que atopar poemas para ler. 
Tamén queremos encher o noso blog de poesía, facer un recital poético virtual, para iso necesitamos da vosa axuda:

- Escollede un poema que vos guste.
- Facede un debuxo sobre el.
- Practicade para lelo ben, con entoación. Podedes entre varios, coa axuda de irmás, pais, nais...
- Coa axuda dos vosos maiores, gravádeo en audio ou en vídeo, como prefirades.
- Se escolledes gravalo en vídeo enfocade ao voso debuxo, ao que se ve desde a vosa casa, á vosa horta... Non vos gravedes directamente recitando á cámara. 


Enviade os vosos poemas ao correo da BBS:

biblio.brea.segade@gmail.com

14 de marzo de 2020

No salón do Libro de Pontevedra

O xoves pasado tivemos a enorme sorte de visitar o Salón do Libro de Pontevedra. Sempre agardamos con ganas a visita ao Salón e sempre resulta unha experiencia fantástica, pero este ano ten un aquel especial pois fomos un dos coles que puido visitalo antes do seu peche a causa da crise sanitaria do coronavirus.
Con Orbil na Orbil Parade
Orbil!!!

Como centro colaborador temos a posibilidade de participar nunha actividade de animación á lectura e nunha visita guiada ao Salón. Os nenos e nenas de 1º e 2º participaron nun contacontos a cargo de Raquel Queizás e os nenos e nenas de 5º nun obradoiro a cargo de Anxo Fariña. Tremendo luxo!






Na visita a exposición quedamos abraiad@s coas salas de humor escatolóxico, humor negro, Italia ou Rodari e coñecemos un pouco mellor a Helena Villar Janeiro e Kiko Da Silva, os escritor@s homenaxeados este ano.






Visitamos os traballos escolares e atopamos a nosa maqueta 😍


Encantounos o Salón e encantounos a visita. 
Desde a BBS queremos darlles os parabéns aos organizador@s e aos colabolador@s do Salón; cada ano conseguides renovar a maxia, sorprendernos e ilusionarnos coa lectura e a cultura.
Grazas por todo o traballo e a sensibilidade que hai detrás 
de cada unha das propostas e dos elementos do Salón! 

Grazas polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra! 
😘😘

Axudantes: seguimos

Comezamos coa segunda volta dos equipos de axudantes; ben se nota que xa teñen experiencia.




12 de marzo de 2020

En familia

Hoxe tivemos a primeiras das Tardes en familia na BBS que botamos a andar en colaboración coa ANPA, para descubrir entre tod@s os recursos e posibilidades que ten a nosa biblioteca, tamén para as familias.














11 de marzo de 2020

O Guá

Hoxe Tero Rodríguez, Helena de Alfonso e Jose Luís Lara Gruñeiro, Barahunda,  estiveron no cole co espectáculo O Guá, que está baseado no conto Estela berra moi forte de Bel Olid. Hai temas, como os abusos á infancia, que temos que falar nas casas e na escola para asegurarnos de que os nenos e as nenas teñen os recursos precisos para medrar protexidos/as e evitar situacións de risco. O difícil é buscar recursos e espazos para falar deses temas desde a tranquilidade, a naturalidade e a sensibilidade. Hoxe  Guá fixo que o pasaramos moi ben pero tamén nos fixo, e nos fará, pensar e falar. 

Grazas, Tero, Helena e Jose.


De que cor é un bico?

Hoxe estreouse como contadora da BBS Sabela e fíxoo do mellor xeito posible, da man de Noemí que xa é unha experta. Escolleron unha historia que nos plantexa un problema De que cor é un bico? Rocío Bonilla cóntanos a historia de Minimoni, a quen lle encanta pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas, ceos azuis, plátanos amarelos... pero nunca pintou un bico. Encántanos esta historia e as súas ilustración e hoxe, contada por Sabela e Noemí, foi unha maravilla! 😍






Moi ben, contadoras!