30 de abril de 2021

Ei vén maio!

Hoxe cantamos e puxemos os maios no cole. Tivemos a sorte de que Alma, Jose Luís e Tino pasaron por todas as aulas traéndonos o ramo e animándonos a cantar os maios rianxeiros.

 Meigas fóra e coronavirus fóra! 

Para o ano todos xunt@s no patio cantando. 

 

Bravo polos músicos!

Na BBS tod@s contamos: Carlos, Froilán e Hugo

 

Carlos, Froilán e Hugo comparten con nós Paco de Paula Carballeira. Vós non faríades calquera cousa por un anaquiño da vosa comida favorita? Paco si! Moi ben, contadores!

29 de abril de 2021

Os maios rianxeiros

A Aula de Música do CEP Brea Segade, en colaboración co Servizo de Normalización do Concello de Rianxo, vén de publicar unha páxina con información sobre os maios rianxeiros: historia, recollidas, letras, partituras e versión en karaoke e MP3, para que poidamos cantar e celebrar os maios tradicionais en todos os centros educativos do concello e tamén nas casas. 

No Brea temos a fermosísima experiencia do curso pasado de cantar Ei vén maio desde as casas, este ano farémolo tamén no cole. 😃

Entrade na páxina dos maios rianxeiros e ide preparándovos, que "Ei vén maio"!

28 de abril de 2021

Na BBS tod@s contamos: Alberte e Hugo

 
 
No mes dos libros Alberte e Hugo cóntannos Moustache de Gracia Iglesias. Moustache é a divertida historia dun gato coqueto e curioso e un neno case tan curioso coma el.

Grazas, Hugo! Grazas, Alberte! 
 
Dá gusto escoitarvos! E dan ganas de ir correndo buscar esta historia de gatos e de bigotes.  Bravo, contadores!
Contamos con vós para os contacontos nos recreos da BBS, en canto poidamos volver facelos.

27 de abril de 2021

Regueifando

 Aquí vai a copla que os rapaces e rapazas de 5º e 6º lle botaron aos compañeiros e compañeiras do CEIP A.D.R Castelao de Rianxo, despois de escoitar a que eles nos mandaran. Gustounos isto de regueifar entre coles.

 

 Grazas, David, técnico de Lingua do Concello de Rianxo, por pasarnos o vídeo. 😉

O obradoiro con Lupe Blanco e Josiño da Teixeira saiu no Fun polo aire da TVG, entrade neste enlace para velo, saímos no minuto 31:17.

25 de abril de 2021

Meninas 3D

Terceiro e Cuarto levaron a cabo un proxecto sobre As Meninas de Velázquez na Sección Bilingüe, na materia de Plástica. Como remate do proxecto deseñaron as súas propias versións das Meninas, que despois pasamos a formato 3D e imprimimos na nosa impresora. Este venres puideron ver o resultado, meninas convertidas en pins personalizados. 

Que bo traballo, Terceiro, Cuarto e Yoli!

Parabéns!







Mochilas Viaxeiras 12

No Día do LIbro saíron as Mochilas Viaxeiras coa novidade de que en 3º e 5º pasaron a ser dúas, garantindo así que chegarán a todas as casas antes de final de curso 😃

Boas lecturas a todos/as!




Makey Makey e aprendizaxe de idiomas

O venres o alumnado de Terceiro participou no obradoiro "Xoga, crea e aprende idiomas" impartido por Paola Guimeráns. Neste obradoiro traballaron con  Scratch e a placa MaKey MaKey. Con Scratch aprenderon a programar e con MaKey MaKey viron como converter case calquera obxecto nun teclado alternativo. Usando materiais cotiáns, crearon e xogaron a un videoxogo para aprender vocabulario en inglés, castelán e chinés. O obradoiro forma parte dunha investigación sobre tecnoloxía e idiomas na que está participando Paola. Os nenos e nenas de Terceiro tiveron a sorte de poder participar desde a Aula de Inglés. 

Grazas, Paola! Canto aprendemos contigo!










23 de abril de 2021

Día do libro: "bolboretas que viran alto no ceo"

 "As palabras son ...bolboretas que viran alto no ceo."

Margarita Engle



Día do Libro: libros ao patio

Hoxe , na Hora de Ler, cada clase veu o vídeo A música das palabras e despois sacamos os nosos libros ao patio e lemos. O día non nos acompañou, pero aínda así, enchemos os espazos cubertos de libros e lecturas. 



Día do Libro: A música das palabras

 

A Música das Palabras

Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.

As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!

As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.

Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.

Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía
de esperanza.

Escrito por Margarita Engle
Traducido por María Canosa


23 de abril: Día do Libro

 

Como cada ano, unha escritora galega actual, neste caso Elvira Ribeiro, agasalla ás bibliotecas escolares de Galicia cun texto  para celebrar e difundir no Día do Libro, as potencialidades da lectura: "Ler é un agasallo sen cancelas."
 
Feliz Día do Libro!

22 de abril de 2021

Enreguéifate!

Os grupos de 5º e 6º participaron hoxe nun obradoiro de regueifa con Josiño da Teixeira e Lupe Blanco. Rianxo é un dos concellos que impulsa o proxecto educativo Enreguéifate!, que busca promover a improvisación oral en verso e en lingua galega, por medio da difusión da regueifa. 

Rapaces e rapazas do IES Félix Muriel, do CEIP Ana Mª Diéguez, do CEIP A.D.R. Castelao e do CEP Brea Segade participaron neste obradoiro e aprenderon a compoñer coplas seguindo a tradición da regueifa en Galicia. Ata se botaron coplas dun centro a outro! 😃

Grazas a Lupe Blanco e Josiño da Teixeira por contaxiarnos a paixón pola regueifa e grazas ao Concello de Rianxo por esta iniciativa. 






19 de abril de 2021

Xeografías viaxeiras: recunchos de lectura 11

Chegaron as Mochilas Viaxeiras de volta á BBS e trouxéronnos novas imaxes dos vosos recunchos e lecturas favoritas.

Grazas a Breixo, Daniela e Ezequiel e ás súas familias por deixarnos ver eses estupendos espazos para ler. Tamén hai quen dixo que lle gusta ler en calquera lado 😍 Estupendo!!





18 de abril de 2021

Nos Encontros do Plan de Mellora

Remataron os Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. Foron dúas tardes intensas, de formación de calidade, nas que puidemos escoitar a algúns dos máis importantes expertos/as en lectura e bibliotecas como Cristina Novoa, Daniel Cassany, Alicia Sellés, Blanca Mata, Estrella Borrego ou Joan Ferrés e tamén descubrir algunhas das interesantes experiencias que se están a desenvolver nos centros Plambe. 

Precisamos de formación para continuar avanzando nos nosos proxectos de biblioteca, para seguir ofertando día a día espazos, lecturas e propostas de calidade a alumnado, profesorado e familias, desde a escola pública. O Plambe, entre outras moitas cousas, ofrécenos esa formación necesaria para non perder o Norte e para renovar a ilusión e as ganas de traballar desde as bibliotecas escolares. 

O peche destes Encontros foi un luxo, a entrevista da xornalista Susana Pedreira á escritora Irene Vallejo, que nos deleitou coas súas palabras sobre a oralidade, o libro e a lectura. 


Grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares por estes Encontros.

Grazas por contar coa Biblioteca Brea Segade para compartir a nosa experiencia ao redor da lectura. 

17 de abril de 2021

Carteis contra o lixo en Campo Maneiro

Esta semana a aula de Sexto colocou os carteis elaborados por Segundo e Sexto para concienciar sobre a importancia de non deitar lixo no monte e de facer un uso responsable dos espazos naturais. Bo traballo, rapaces e rapazas!





 

No blog de Sexto: Lixo non!

Quererse ben

O alumnado de 5º e 6º participou estas últimas dúas semanas nun obradoiro de educación afectiva e sexualidade, impartido pola psicóloga Natalia Guedellas. O título do obradoiro é Quererse ben e traballouse sobre sexo e xénero, afectividade, coñecemento e valoración dun mesmo/a para poder coñecer e respectar aos demais:  quererse ben a un mesmo/a e querer ben aos demais. 

O obradoiro resultou moi interesante e dou pé a moitas reflexións e debates que terán continuidade nas aulas, porque a educación afectiva e a sexualidade  deben estar presentes na Educación Primaria de xeito consciente, para evitar a desinformación e os tópicos. 

Grazas, Natalia!