18 de abril de 2021

Nos Encontros do Plan de Mellora

Remataron os Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. Foron dúas tardes intensas, de formación de calidade, nas que puidemos escoitar a algúns dos máis importantes expertos/as en lectura e bibliotecas como Cristina Novoa, Daniel Cassany, Alicia Sellés, Blanca Mata, Estrella Borrego ou Joan Ferrés e tamén descubrir algunhas das interesantes experiencias que se están a desenvolver nos centros Plambe. 

Precisamos de formación para continuar avanzando nos nosos proxectos de biblioteca, para seguir ofertando día a día espazos, lecturas e propostas de calidade a alumnado, profesorado e familias, desde a escola pública. O Plambe, entre outras moitas cousas, ofrécenos esa formación necesaria para non perder o Norte e para renovar a ilusión e as ganas de traballar desde as bibliotecas escolares. 

O peche destes Encontros foi un luxo, a entrevista da xornalista Susana Pedreira á escritora Irene Vallejo, que nos deleitou coas súas palabras sobre a oralidade, o libro e a lectura. 


Grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares por estes Encontros.

Grazas por contar coa Biblioteca Brea Segade para compartir a nosa experiencia ao redor da lectura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario