31 de outubro de 2020

Samaín 2020

 

Este ano a nosa exposición de cabazas é virtual, así podemos compartir as terroríficas creacións que tedes nas vosas casas.

Grazas a tod@s por participar. 

Feliz Samaín!

Boa viaxe, Mochilas!

Este venres saíron as Mochilas Viaxeiras 2020-2021!

1º, Anta

2º, Izan

3º, Mateo
4º, Noa
5º, Diego
6º, Rita e Dália



Boas lecturas a tod@s!

29 de outubro de 2020

Mochilas Viaxeiras listas!

 Listas para comezar a viaxar un ano máis! 😍

Mañá saíran as Mochilas Viaxeiras, cunha escolma de títulos da BBS para gozar en familia. Este ano fixemos algúns cambios para que sexa posible que as Mochilas vaian e veñan ás vosas casas con seguridade.

- As Mochilas sairán os venres. Levarémolas ás clases, non se recollerán na BBS.



 
- Devolveranse,dez días despois, un luns.

- Entre luns e xoves estarán en corentena, dentro dunha caixa pechada.

- Os axudantes da BBS sortearanas martes ou mércores.

Este curso ademais de escribir ou debuxar nos Cadernos de Viaxe, pedímosvos que nos enviedes unha foto do voso recuncho de lectura favorito e o voso libro ou libros preferidos da Mochila. Entre tod@s iremos elaborando o noso "mapa" de Xeografías Lectoras.


Agardamos que as recibades nas vosas casas coa mesma ilusión de sempre 😃

Tempo de Samaín!



24 de outubro de 2020

Día das bibliotecas 2020


                              

Feliz Día das Bibliotecas!

Bibliotecas, sempre ao teu carón.

Así ven a Biblioteca Brea Segade os usuarios e usuarias:

BBS para o alumnado de Primeiro

BBS para o alumnado de Segundo

 

BBS para o alumnado de Sexto:

21 de outubro de 2020

Gravación na BBS

Hoxe viñeron gravar un vídeo sobre a nosa biblioteca e os cambios que se fixeron nela no último ano, grazas a formar parte do proxecto LIA.2, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  coordinado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares

Ao longo da mañá intentamos mostrar que espazos, recursos e actividades temos na BBS. Pola situación na que estamos non puideron participar todas as clases. 5º e 6º foron os encargados de mostrar como é a nosa biblio, e fixérono de marabilla! Ademais contamos coa colaboración das familias: Chantal, Lorena e Emilio achegáronse tamén a falar sobre a BBS. Foi unha mañá especial, na que todo o cole e a comunidade escolar colaboramos para mostrar o orgullos@s que estamos da nosa biblioteca.

Grazas a Gonzalo e Lucía, encargados da gravación, por facer todo tan doado.


20 de outubro de 2020

Hora de Ler en 5º

 Na aula de 5º están lendo o seu itinerario lector na Hora de Ler e despois do primeiro título, A marabillosa medicina de George, de Roald Dahl elaboraron libros con lapelas sobre el. Fantástico traballo, 5º!




Lendo na plataforma ELBE2

Esta semana a clase de 6º comezou a usar a Plataforma de Lectura Dixital ELBE.2 na Hora de Ler . Algúns xa a descubriron e utilizaron en 5º durante o confinamento, pero agora pasa a ser unha das opcións de lectura tamén na Hora de Ler.

Así o contan no seu blog de aula.

Día das escritoras 2020

 

 

O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Desde a BBS propoñémosvos un reto: descubrir quen son estas doce escritoras e coñecer algunhas das súas obras.  Tedes ata comezos de marzo para buscar os seus libros na BBS, investigar sobre elas e entregar os "pasaportes de lectura" na biblioteca. Animádevos!

18 de outubro de 2020

Xeografías lectoras na biblioteca escolar

Estamos en outubro, mes das bibliotecas e o vindeiro sábado 24 celebraremos o Día da Biblioteca. Na BBS imos ter unha semana especial, na que falaremos da nosa biblioteca, de libros, de escritoras e na que damos a coñecer a campaña da Asesoría de Bibliotecas Escolares para este curso:  

Xeografías Lectoras na biblioteca Escolar


XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros... 

Neste curso tan diferente, no que día a día reinventamos o traballo na escola e nas bibliotecas escolares, a campaña da Asesoría céntrase na lectura, nas súas enormes potencialidades e no seu papel fundamental na aprendizaxe e na formación integral do noso alumnado. Aceptamos, encantadas, a proposta e adentrámonos nas xeografías lectoras, da man do cartel deseñado pola ilutradora Bea Lema.

15 de outubro de 2020

Axudantes da BBS: comezamos!

Esta semana comezaron a colaborar os nov@s axudantes da BBS, martes os de 5º e mércores os de 6º. Teremos que ir afacéndonos aos novos tempos, ás novas tarefas e ás novas actividades. Pero o que non cambia son as ganas de participar nas actividades na BBS, así dá gusto!

9 de outubro de 2020

MonteMar

Radio na biblio emite... dende as casas

A Asesoría de Bibliotecas Escolares vén de publicar un díptico con experiencias de radio realizadas desde as bibliotecas escolares durante o confinamento. Entre as experiencias compartidas está a da Radio BBS, que alá por abril abriu as xanelas e deixou entrar ás vosas voces e un sopro de aire fresco e ánimo.


Grazas, Asesoría de Bibliotecas Escolares, por contar con nós para este díptico

6 de outubro de 2020

Axudantes BBS 2020-2021

Móllate polos ríos

O sábado 10 de outubro estamos convidados/as a participar nunha actividade de educación e concienciación medioambiental, enmarcada dentro do Proxecto Ríos, promovido por Adega e co que colaboran o Concello de Rianxo e o colectivo veciñal Fousas ao Monte. Levarase a cabo a limpeza dun tramo do río Té e aproveitarase para coñecer as especies propias do entorno do río.  É unha boa proposta para a tarde do sábado, animádevos!

2 de outubro de 2020

Landraina

 

Estamos no outono, é tempo de landras, cabazas e castañas. A Comunidade de Montes o Fieitoso e o Colectivo Veciñal Fousas ao Monte organizan a 2º Landraina, para recoller landras e despois ir repoboando os nosos montes con carballos. Este ano, por seguridade, non haberá unha landraina colectiva,  a recolleita será individual ou en familia ao longo de toda a primeira quincena de outubro e as landras  deitaranse nun colector que xa está agardando por elas no Campo de Maneiro, diante do pavillón. Pasado o día 15 membros de Fousas ao Monte repartiranas polo monte comunal. 

Animádevos a participar! 

Facede a vosa landraina, apañade landras cando saiades pasear ao monte e traédeas ata Campo Maneiro. 

Non esquezades sacar algunha foto. 

Itinerarios lectores en setembro

Este curso na Hora de Ler comezamos lendo títulos dos itineraios lectores de cada curso. Volver a ler xunt@s, en voz alta e voz baixa, falar sobre as obras que estamos a ler, aproveitar as lecturas para aprender e traballar en diferentes materias... Estas primeiras lecturas dos itinerarios préstáronos ben a tod@s, desde 1º a 6º. Seguiremos explorando os nosos itinerarios lectores!