29 de abril de 2020

Aí vén o maio!

Para celebrar a entrada do mes de maio facémosvos unha nova proposta para a que necesitamos a vosa colaboración. Queremos recuperar o maio rianxeiro e para elo propómosvos que nos enviedes un vídeo colocando unha xesta (maio) na porta da casa e cantedes a copla dos maios que os nosos nenos/as aprenderon na clase de Música. Deixámosvos aquí abaixo as instrucións máis clariñas.


Tendes un vídeo coa canción no blogue da Aula de Música.

28 de abril de 2020

Na BBS tod@s contamos: Emilio

Para tod@s vós: Estrea mundial dunha creación de Emilio e a súa familia!
A autoría e todos os dereitos do conto, os decorados e a montaxe pertencen a Emilio e familia, que, amablemente, os comparten coa BBS neste abril, mes dos libros. 😀
E vós, sodes de dente fino ou non tan fino? Mirade o que lle pasou ao lobo desta historia e quedádevos co final do conto.


 Moitas grazas, Emilio e familia!

27 de abril de 2020

Primeiras saídas

Onte moitos/as de vós saístes por primeira vez en semanas. Estas son algunhas imaxes dos vosos espazos de paseo de onte. Somos afortunad@s, o paraíso existe! E témolo ao pé da casa, a menos dun quilómetro e menos dunha hora! 😍

25 de abril de 2020

Na BBS tod@s contamos: Dália, Nerea e José Luis

Dália, Nerea e José Luis comparten con nós, O principio, de Paula Carballeira, unha marabilla de conto, que elas aínda fan máis fermoso. Quedámonos coa esperanza e a forza que nos transmite esta historia.

 

Moitas grazas, Nerea, Dália e José Luis!

24 de abril de 2020

Na BBS tod@s contamos: Laura

Laura e a súa familia cóntannos Avós de Chema Heras e Rosa Osuna. Escolleron un conto precioso que, especialmente nestes días, é unha fermosa homenaxe a todos eses avós e avoas que tanto queremos. Encántanos!

 Moitas grazas, Laura e familia!

23 de abril de 2020

Na BBS tod@s contamos: Alexia

Alexia fainos unha recomendación no Día do Libro e comparte con nós un fragmento de Ottoline va al colegio de Chris Riddell.

 

Moitas grazas, Alexia!

Na BBS tod@s contamos: Alberte

Alberte e a súa familia mandaron outro conto-agasallo para este Día do Libro tan peculiar, pero tan especial, grazas á vosa complicidade e ás vosas achegas. Maruxa, de Eva Mejuto. Como nos gusta!




Moitas grazas, Alberte!

Moncho e a mancha: apadriñamento virtual

Na clase de 5º tiñan saúdade do apadriñamento lector que sempre facemos en abril, así que prepararon, desde as casas, un conto, un agasallo virtual para os nenos e nenas de 1º e 2º. Hoxe, a primeira hora, enviáronllo aos correos das familias. Aquí tedes Moncho e a mancha de Kiko DaSilva nas voces dos nenos e nenas de 5º.


Na BBS tod@s contamos: Claudia

Claudia e a súa familia cóntannos con teatro de monicreques, Maruxa, de Eva Mejuto. Fantástico agasallo para o Día do Libro!

 
 
Moitas grazas, Claudia!

23 de abril. Feliz Día do Libro!

Hoxe celebrarémolo nas casas pero xa queda menos para celebralo tamén na BBS. 😃

Feliz Día do Libro!






22 de abril de 2020

El cuadrado de Mondrian quiere ser cíclope

Violeta Monreal é unha autora que coñecemos ben na BBS, da que temos moitos títulos e que nos gusta especialmente por como escribe e por como ilustra. Dentro das iniciativas que moitas editoriais puxeron en marcha, neste tempo de corentena, para facilitarnos o acceso a libros de balde e en rede, a Editorial Santillana, no seu proxecto Loqueleo en casa, pon a nosa disposición diferentes vídeos con escritores/as lendo fragmentos das súas obras. Hoxe compartimos a Violeta Monreal presentándonos El cuadrado de Mondrian
Con todos vós, Violeta Monreal: pequenos luxos de confinamento.

21 de abril de 2020

Reivindicamos

Sumámonos á proposta da Asesoría de Bibliotecas Escolares para este 23 de abril  e reivindicamos autores, autoras, libros e librarías.
Difícil escolla, que enmarcamos nas escollas realizadas por todas as bibliotecas galegas, entre todas reivindicamos a autores/as, espazos e libros que nos fan felices e nos axudan a medrar e ser únicos/as.

20 de abril de 2020

Na BBS tod@s contamos: Tero

Desde Catoira Tero, Nerea e Dália achegan un conto popular que abre, desde as redes e as vosas casas, Na BBS tod@s contamos, deste abril en corentena, do
2020.

   

Grazas, Tero!

Ler fainos únicos e únicas



Como cada 23 de abril, a Asesoría de Biblioteca conmemora o Día do Libro e dos dereitos do autor/a coa edición dun díptico, no que colabora cun texto orixinal, un escritor ou escritora referente da literatura galega. Este ano ese autor é Manuel Gago escritor, xornatista e divulgador da nosa cultura.

"Cada libro que lemos queda gardado no noso peito como semente, paxaro ou xabarín"

A imaxe do díptico é tamén unha colaboración do profesor Harold Iglesias. Trátase dunha fotografía dun "chasco" da Costa Vicentina (Portugal), paxariño común tamén no noso país.  Pódese coñecer algo máis deste "chasco común"  na ligazón  https://gl.wikipedia.org/wiki/Chasco_común e mesmo escoitar o seu canto: https://www.canto-pajaros.es/tarabilla-europea/

Agradecemos á Asesoría de Bibliotecas escolares este díptico, sempre tan fermoso e inspirador  de intervencións desde as nosas bibliotecas. Grazas tamén a Manuel Gago e Harold Iglesias polo seu agasallo ás bibliotecas escolares galegas.

18 de abril de 2020

O rato que quería un palacio

Hoxe, compartimos outro dos contacontos do Salón do Libro Virtual, neste caso é O rato que quería un palacio, da fantástica actriz e contadora, Charo Pita. Sentádevos comodamente e gozade do conto.


17 de abril de 2020

O Papagaio de abril

Recibimos esta mensaxe do Papagaio:

"O Papagaio estaba desexando saír voando ate as vosas casas e bibliotecas para achegarvos todo o que preparou para o número de abril pero parece que imos ter que ficar na casa algúns días máis así que vos envía unha versión dixital deste número en formato PDF para que poidades descargala e desfrutala na casa."


Que ben!
Moitas grazas! 

14 de abril de 2020

O pequeno indio

Hoxe que comezamos o 3º trimestre, escollimos para o noso Abril, mes dos libros a Paco Nogueiras contando O pequeno indio de Ricardo Alcántara e Gusti. Animádevos e facede o indio con Paco Nogueiras 😉
Este é outro dos Contos Contados de Kalandraka TV

http://www.kalandraka.tv/gl/video/pacocontaindio

13 de abril de 2020

Quero saír!

Quero saír! , é un conto de Nico Ordozgoiti e Cova Díaz  traducido ao galego por Héctor Cajaraville.  É un conto para quedar na casa, para comprender que ese é o noso superpoder. 
Compartímolo hoxe, para recargar forzas e comezar a nosa quinta semana de confinamento cheos/as de optimismo e de enerxía.

https://drive.google.com/file/d/1otCojOGWNUyeuKxQlp_xqjMCEAMf6iV0/view

Bos días!


Desde Campo Maneiro recibimos un saúdo do cabuxiño, que xa está feito un mangallón! 
É un bo comezo para esta semana na que tampouco voltaremos á escola, aínda que si botará a andar o terceiro e último trimestre deste curso tan raro que estamos a vivir.
As nosas cabuxas medran e fanse fortes en Campo Maneiro, nós, de momento, nas nosas casas. Xa falta menos 😍

Grazas, Emilio!

12 de abril de 2020

Rata Linda de Compostela

Hoxe é domingo de Pascua e ímolo celebrar cun agasallo especial: Rata Linda de Compostela de Bernardino Graña contado pola nosa amiga Merchi Pimentel.

Grazas, Merchi! 

11 de abril de 2020

Abre as xanelas!

Aquí temos o primeiro programa da Radio BBS desde as nosas casas!
Abrimos as xanelas a tope e deixamos entrar o aire e as vosas voces. Poñédevos cómod@s e escoitade, veredes que marabilla.
Grazas a tod@s pola vosa colaboración, coma sempre, imprescindible.



E aquí están as imaxes:


10 de abril de 2020

Bravas: científicas e artistas galegas da nosa historia

A proposta de hoxe combina lectura e manualidades. Compartimos Bravas:científicas e artistas galegas da nosa historia un fermoso e necesario traballo de divulgación de 7H Cooperativa Cultural, consistente en dez fichas con información sobre dez mulleres da nosa historia e un recortable para colorear de cada unha delas. Se tedes unha impresora a man animádevos a darlle vida a estas dez mulleres e se non, lede as súas biografías, xa as imprimiremos cando esteamos de volta no cole 😉

 Parabéns e grazas a 7H Cooperativa Cultural por esta inciativa. 


https://mcusercontent.com/853dab8ff7129b96d9b611cfb/files/4875b13e-eb60-43a2-a734-206a68f04ade/BRAVAS_Cient%C3%ADficas_e_artistas_galegas_da_nosa_historia._7H_Cooperativa_Cultural..pdf

9 de abril de 2020

A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza

Hoxe é festivo e queremos celebralo cunha publicación especial. Para todos vós o espectáculo da Xanela do Maxín A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Fermoso e ben acaído nome para esta compañía da que forma parte Celtia Figueiras, amiga da BBS, onde xa compartiu o seu bo facer en varias ocasións. Moitas grazas por abrir este espectáculo neste tempo no que nos fai tanta falta abrir xanelas e manter aberta a imaxinación e o maxín.


8 de abril de 2020

Eu quedo na casa

Eu quedo na casa é un conto de Ramón D. Veiga e Iván Erre co que pretenden axudarnos a entender e a dixerir o que estamos sentindo estes días de confinamento. Unha iniciativa máis en aberto, para que tod@s poidamos ler nas nosas casas e que nós incorporamos ás propostas de lectura diaria da BBS para Abril, o mes dos libros.
Desde a BBS agradecemos aos autores o conto e a xenerosidade de compartilo con tod@s @s que queiramos, mías que nunca, seguir gozando coa lectura.


https://drive.google.com/file/d/1TpU8342XpG8JYGRYExjvvAyn_5bJQVCy/view

7 de abril de 2020

A casa máis animada do mundo

https://baiaedicions.gal/editorial/wp-content/uploads/pdfs/Confinamento/ACasaMaisAnimada_CristinaSaezCazallas_BaiaEdicions.pdf

Hoxe compartimos un novo título de Baía Edicións, dentro da súa iniciativa Baía con vós na casa. Nesta ocasión está orientado para lectores autónomos, pero polo seu formato e temática pensamos que pode ser de interese para todo tipo de lectores e lectoras. A casa máis animada do mundo de Cristina Sáez Cazalla e Almudena Aparicio é un libro de contos, contados por uns seres moi especiais que viven nunha casa encantada. Casas encantadas, casas animadas, casas como as nosas estes días, cheas de vida e de historias que contar.
Podédelo descargar e ter no voso dispositivo dixital para ir léndoo pouco a pouco ou ler directamente desde a páxina da BBS.
Boa lectura!

6 de abril de 2020

O dragón comemedos

Baía Edicións, como outras editoriais e creadores galegos/as, puxeron á disposición de tod@s nós unha serie de contos e novelas de balde para facer máis levadeiro este tempo de confinamento. A iniciativa chámase Baía Edicións con vós na casa e achega títulos de literatura infantil e xuvenil para diferentes idades. Desde Baía  só piden que lembremos a empatía dos creadores/as que participan nesta iniciativa e que fagamos un uso responsable destes textos respectando a súa obra.
Hoxe compartimos O dragón comemedo  de RuAn. É unha proposta para os primeiros lectores, que de seguro nos ha gustar a tod@s.

https://baiaedicions.gal/editorial/wp-content/uploads/pdfs/Confinamento/ODragonComemedo_RuAn_BaiaEdicions.pdf

Desde a BBS queremos agradecer a Baia Edicións e aos creadores e creadoras cos que colaboran esta iniciativa que tan ben nos vén nestes días de contos e lecturas na casa. Grazas!

5 de abril de 2020

O poliño da abeleira

Seguimos compartindo contos neste Abril, mes dos libros e dos contos en familia e na casa. Hoxe compartimos un dos contos da sección Contos contados de Kalandraka TV, O poliño da abeleira contado por Bea Campos.
Xa sabedes, sentade comodamente e... a gozar do conto!

http://www.kalandraka.tv/gl/video/beaconta

4 de abril de 2020

O pequeno morcego

Compartimos un dos contos cos que nos agasalla O Salón do Libro Virtual, xa sabedes, o Salón do Libro de Pontevedra que abriu na nube desde o 13 de marzo. Nesta ocasión temos a sorte de que Paula Carballeira conte para tod@s nós O pequeno morcego. Sentádevos cómodamente e preparádevos para gozar do conto. 


Hai unha liña

O Día 2 de abril foi o Día Mundial de Concienciación sobre o autismo. O músico galego Seso Durán realizou unha adaptación musical do conto "El día de Manuel" de María José Ferrada, que nos conta como é a vida dun neno autista. Para saber máis sobre como se escribiu e que importancia está a ter esta historia na concienciación sobre o autismo entrade na páxina Alto como una montaña.  

 

Hai unha liña, adaptación musical de El día de Manuel de María José Ferrada.
Tradución ao galego e letra adicional de Seso Durán.
Música de Seso Durán.
Seso Durán: Voz, guitarra acústica e eléctrica, baixo, sintetizador e caixa de ritmos.

3 de abril de 2020

A voda do galo pinto

Abril, mes dos libros  e dos contos. 
Hoxe compartimos un agasallo que nos fai a nosa amiga Merchi Pimentel.  Merchi  estivo na BBS contándonos A voda do galo pinto. Agora podemos escoitala e lembrar o moito que nos gustou o conto e a súa interpretación. Estes agasallos e saber que os amigos e amigas da BBS están aí e volverán gozar con nós dos contos, do teatro, da música e da nosa biblioteca, fannos máis levadeira a espera.
Grazas, Merchi!

2 de abril de 2020

O soldadiño de chumbo

Fermosa adaptación audiovisual de O soldadiño de chumbo de Hans Christian Andersen. Un bo día para recuperala e vela... na casa, en familia.


CHUMBO BIBLIOTECA from ISANLLE on Vimeo.

Riciños de Ouro

Estaremos na casa, pero hoxe, 2 de abril, imos ter contacontos.

 Hoxe no recreo: Riciños de Ouro.
Hoxe no recreo: Riciños de Ouro... 
 Escoitádelas? 

Minia e Rita agasalláronos con esta marabilla de conto para que poidamos gozar del no recreo ou en calquera momento do día 😉. 
Facede unha parada, sentádeos comodamente  e escoitádeas. Dá gusto! 

Moitas grazas, contadoras! 

Hans Christian Andersen

Anímate a completar este cuestionario sobre Hans Christian Andersen. Primeiro mira o vídeo sobre a súa vida e a súa obra.

2 de abril

Hoxe é o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Celebramos a importancia da literatura infantil no desenvolvemento dos nenos e nenas e o seu papel imprescindible na formación dunha cidadanía culta, sensible, crítica e participativa.
Nestes tempos estraños que estamos a vivir, a literatura infantil está a ser, máis que nunca, refuxio, cómplice, recurso para entender o mundo, vía de escape e fonte de pracer. Celebremos pois, desde as nosas casas, o Día do Libro Infantil e Xuvenil.

Cartel e mensaxe na páxina de Gálix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.

Por que o 2 de abril? Que pasou nesa data? 
Desde 1967 celébrase o Día do Libro Infantil coincidindo co aniversario do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. Queres saber quen foi e que escribiu? Mira este vídeo e descubrirás que xa coñecías algunhas das súas obras.