Amosando publicacións coa etiqueta Taragoña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Taragoña. Amosar todas as publicacións

27 de febreiro de 2024

De plantación

Tiñamos previsto ir plantar na mañá do venres, o Día de Rosalía, pero a chuvia non deu tregua e tivemos que adialo. Hoxe non choveu e alá marchamos de plantación todo o alumnado e profesorado do Brea, como xa é tradición.  Subimos á caseta das cabuxas para plantar carballos, castiñeiros, cerdeiras e un freixo. Como cada curso, colaboramos coa Comunidade de Montes o Fieitoso de Taragoña e o Colectivo Veciñal Fousas ao Monte para que a nosa contorna, o noso monte, manteña a biodiversidade e que, pouco a pouco, aumente a cantidade de frondosas autóctonas no monte de Taragoña. 

Grazas a Emilio, Marina, Luís e Carlos, a Comunidade de Montes e a Fousas ao Monte, por acompañarnos e axudarnos a plantar e a entender a importancia do que estamos facendo, ano tras ano. 

Viva o noso monte! 
















21 de maio de 2023

Premios Fousas ao Monte

 

😍




Onte, na II Romaría das Fousas, o CEP Brea Segade foi agasallado cun dos premios Fousas ao Monte polo seu traballo de divulgación e educación no eido medioambiental. 
Moitas grazas aos compañeiros e compañeiras de Fousas, polo premio e, sobre todo, polo voso traballo e por contar co noso colexio para colaborar con vós e para desenvolver proxectos tan interesantes como "Máis ca leña". 
Tamén foron premiados a Comunidade de Montes de Baroña e Mariano Saborido, un orgullo compartir premio con vós. 

4 de maio de 2023

Lectura e familias: Xosé Mª Brea Segade na Radio BBS

 

Aquí temos o programa de radio elaborado "en familia",  poñendo voz ás coplas recollidas por Xosé Mª Brea Segade na parroquia de Taragoña. Forma parte das actividades do programa Lectura e familias que estamos a desenvolver este curso, e é foi para a maioría das adultas que participan, o seu primeiro contacto coa Radio BBS. Encántanos!


Coplas. Xosé Mª Brea Segade



15 de marzo de 2023

Plantación en Filgueiras

Hoxe as aulas de 2º, 3º, 5º e 6º participaron nunha plantación de árbores autóctonas en Filgueiras. Un ano máis, colaboramos coa Comunidade de Montes o Fieitoso de Taragoña e co colectivo Fousas ao Monte para continuar plantando frondosas no noso monte. Desta vez foron freixos e castiñeiros, que doou Ismael Alonso, da Torre.  

Emilio Saborido organizou o traballo, lembrounos a importancia das frondosas, para garantir a biodiversidade e para loitar contra o lume, e foinos explicando unha chea de cousas sobre a propiedade en mancomún, as especies autóctonas, os fungos... Canto aprendemos sempre con Emilio! Acompañáronnos Nati, Miguel e Chimpín, membros de Fousas ao Monte, e tamén Paquita, que baixou ata Filgueiras para supervisar o traballo. 😍

Grazas á Comunidade de Montes e a Fousas ao Monte. 

Grazas, Emilio, Nati, Miguel, Chimpín e Ismael. 

Castiñeiro

Freixo











O monte é noso!

3 de xuño de 2022

Premio Carballo de Honra

Hoxe o alumanado de 1º e 5º plantou o Carballo de Honra co que a empresa de Boiro, García Sánchez, premiou a Fousas ao Monte  polo seu traballo de conservación e coidado do medio e polas iniciativas educación ambiental que desenvolve en Taragoña e que nós ben coñecemos e compartimos. O carballo está xa a carón do noso cole, da cabuxas e de Michel e Paquita. Agora só ten que medrar forte, os nenos e nenas do Brea habemos coidalo.
 
Parabéns, Fousas ao Monte, por este premio, moi merecido. 
Parabéns, García Sánchez, polo voso compromiso co medio ambiente!
Carballo de Honra para Fousas ao Monte!

15 de maio de 2022

Letras Galegas

O pasado venres celebramos as Letras Galegas no colexio. Foi unha mañá chea de luz, flores, poesía, música e tradición. O equipo de Dinamización Lingüística organizou a celebración na que conmemoramos os maios e as Letras. 
Despois da merenda tivemos un obradoiro de colares de flores para confeccionar o maio. No festival cada clase recitou un poema de Florencio Delgado Gurriarán e interpretou un tema preparado na Aula de Música. Rematamos o festival confeccionando o noso maio e interpretando tod@s xuntos Ei ven maio. 
Os rapaces e rapazas de Sexto foron os encargados de repartir a merenda e os condutores do festival. Grazas, Sexto! Fixéstelo de marabilla!
Parabéns a tod@s polo traballo que fixestes para esta celebración e polo ben que cantastes, recitastes e celebrastes as nosas Letras.
Vivan as Letras Galegas!