16 de abril de 2024

Mercado solidario de libros de expurgo


Volve o mercado solidario de libros de expurgo da BBS. Anímate a visitalo e intercambiar un libro por un produto de hixiene persoal (xel, xampú, xabón, cueiros, compresas, colonia, pasta dentrífica...) ou de limpeza (limpador de chan, deterxente, líquido lavalouza, estropallos, baetas...). Todos os produtos recollidos serán doados a Cruz Vermella. 
O mercado estará aberto nos recreos e nas tardes de martes, mércores e xoves de 15:30 a 17:30 ata o 30 de abril. 

14 de abril de 2024

Ponte nas ondas: obradoiro de radio

O venres pasado o alumnado de 4º participou nun obradoiro de radio dentro do programa Radio na biblio, do que formamos parte desde xa hai uns anos. Desta vez contamos con Damián de Ponte nas Ondas, que, ao longo da mañá, foi reproducindo o proceso creativo que hai detrás de calquera programa de radio ou podcast, desde selección de temas ata a locución e gravación, pasando pola redacción dos textos, a descuberta do equipo de radio ou o uso correcto da voz. Foi unha mañá intensa, moi completa e moi interesante, que deixo ao alumnado de 4º con moitas ganas de facer radio e algunhas gravacións, que compartiremos en breve. 

Grazas, Damián! Encantounos o obradoiro!








Plan de rescate con Antía Yáñez

O xoves pasado o alumnado de 5º e 6º recibiu a visita da escritora Antía Yáñez para falar sobre Plan de rescate, obra que leron e traballaron nos últimos meses. O libro gustoulles moito e tiñan moitas ganas de poder comentalo coa súa escritora. Antía contestou a un montón de preguntas que tiñan preparadas e moitas máis que foron xurdindo na conversa. Rematou o encontro asinando libros. Quedámonos tamén coa boa nova de que pode haber unha segunda parte deste libro, que nos encantou.

Grazas Antía por Plan de rescate e pola túa visita!








Grazas, Uxía e Xerais, por facer posible estes encontros con escritoras. 

2º sesión obradoiro esculturas literarias

 Seguimos avanzando na creación dos personaxes literarios en cartón pedra. Van indo moi ben! 





8 de abril de 2024

O día que choveron gatos, con Eva Mejuto

Hoxe Eva Mejuto estivo na nosa biblioteca para falar co alumnado de 3º e 4º sobre a súa obra O día que choveron gatos. Había moitas ganas de coñecela e de comentar o libro que estiveron lendo nas clases os últimos meses. Encántanos que nos visiten escritoras, falar con elas de libros, preguntarlles un montón de cousas sobre a súa obra, darlles a nosa opinión e... que nos asinen os libros 😍 

Grazas, Eva! 



Donas de si: Luísa Villata

O venres recibimos a visita de Quique e Tania, membros de Polo Correo do vento, que están realizando actividades nos coles que formamos parte do proxecto Donas de si. Viñeron falarnos sobre Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Quique contou a súa historia e Tania debuxouna e aprendeunos como facer un retrato. Foi moi interesante e un bo primeiro achegamento a Luísa Villalta para o alumnado de 4º, 5º e 6º. 





4 de abril de 2024

Mochilas Viaxeiras 11


As primeiras mochilas viaxeiras do mes de abril. Boas lecturas!

Radio BBS: estamos de volta

Os directos do recreo están de volta, hoxe cun especial sobre a banda sonora do Xabarín Club.



Lectura e familias: esculturas literarias

Este mércores comezamos o obradoiro de esculturas en cartón pedra con Electra. O primeiro foi escoller os personaxes literarios que imos crear, escollendo entre unha escolma que fixeron os axudantes da BBS. Organizámonos en pequenos grupos e Electra foinos explicando como  construír as estruturas base e como comezar a traballar coa técnica de cartón pedra. 

Foi unha marabilla ver a grandes e pequenos/as colaborando e creando xuntos. Estamos en proceso, aínda queda moito por facer, pero despois desta primeira sesión, xa sabemos que van saír esculturas impresionantes e que o imos pasar moi ben. 😍








Superheroes da escola

Comezamos os contacontos de abril con superheroes e superheroínas,  que nos presentaron Daniela, Sabela e Leire. Superheroes da escola de José carlos Román é un divertido manual para descubrir os superpoderes que todos temos e como usalos para que o paso pola escola sexa un éxito. Lectura imprescindible, buscádea nos andeis da BBS





Bravo, superheroínas contadoras!