O xoves emprenderon a segunda viaxe as Mochilas Viaxeiras. Desta volta xa son 10, as que viaxarán ao longo do curso. Boas lecturas para estes días de chuvia, vento e Samaín 🎃
![]() |
María recolleu a Mochila para Amath |
Volven os contacontos do recreo! Neste Mes das bibliotecas imos retomando boa parte das actividades que son a esncia da BBS: recreos creativos, axudantes, Mochilas Viaxeiras, directos da Radio BBS... e hoxe volveron os contacontos do recreo!
A aula de Sexto abriu a tempada de contacontos dramatizando A figueira de Pelostortos, un clásico imprescindible deste tempo de Samaín, de historias de medo e de risa. A figueira de Pelostortos, de Ana García Castellano e Mikel Mardones, leva sendo un dos contos favoritos na BBS desde que se publicou e o Samaín non había ser o mesmo sen escoitala, lela ou dramatizala.Grazas, Sexto, por comezar os contacontos deste curso e por traer á BBS a Pelostortos, que tanto nos gusta e tan ben nolo fai pasar.
Estivestes xenial!
![]() |
Anunciando o conto na entrada |
![]() |
![]() |
![]() |
Bravo, Sexto! |
Esta semana debuta un novo grupo de axudantes da BBS e volven deixarnos claro que este curso veñen con forza e con moitas ganas de traballar: radio, revisar e sortear Mochilas Viaxeiras, repoñer libros nos andeis, axudar aos pequenos/as... Así dá gusto!
As vosas postais xa decoran a BBS. Grazas!
Mañá 24 de outubro é o Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas: escolares, públicas, universitarias... Nós tamén teremos a nosa celebración, aínda que na BBS todos os días do ano son Días da Biblioteca.
BiblioTEcoida é o lema deste ano. O cartel foi elaborado pola ilustradora e autora de banda deseñada Xulia Vicente, galega de Cariño, que actualmete reside en Valencia. Xulia recolle moi ben a idea de biblioteca para tod@s, que nos acompaña e nos ofrece recursos para medrar e vivir: a biblio que nos coida 😍.
Hoxe botou a andar "oficialmente" no Brea Segade o método Sintaxe de aprendizaxe da gramática. Temos a sorte de que estes días van estar con nós Emilio Neira e diferentes persoas do equipo co que creou un método innovador e inclusivo para a aprendizaxe da gramática, que se está empregando con éxito en escolas de Suiza e que o alumnado de 2º e 6º do Brea Segade comezará a utilizar tamén, na nosa lingua.
Emilio Neira, David Cuence e Xiro estiveron hoxe no Brea Segade para coordinar co profesorado implicado a avaliación inicial, para coñecer ao alumando que participará no proxecto e para que tiveramos unha primeira toma de contacto cos materiais. Emilio, que é antigo alumno do Brea, seguro que aproveitou tamén para lembrar vellos tempos 😉
Comezamos esta nova andaina con ilusión, sabendo o afortunados e afortunadas que somos por poder formar parte desta experiencia e con moitas ganas de aprender, grandes e pequenos/as. 😀
Hoxe saíron as primeiras Mochilas Viaxeiras deste curso: 9 mochilas que xa están en casas do Araño e Taragoña, levando unha pequena escolma dos fondos da BBS para compartir en familia. Agardamos que vos gusten moito!