19 de marzo de 2020

Brea Segade Música

Temos nova páxina no cole, da Aula de  Música. Estade atentas e atentos a ela, iredes tendo recursos para seguir tocando, cantando e gozando coa música coma no cole. Entrade e enchede as vosas casas de música.

https://cepbreasegademusica.blogspot.com/

Antoloxía de Celso Emilio Ferreiro

Aquí tedes outra antoloxía que fixemos na BBS xa hai uns anos. É unha pequena escolma dun dos grandes poeta galegos, Celso Emilio Ferreiro, que fixemos coincidindo co centenario do seu nacemento. 

Poemas para construír a paz

Aquí tedes a escolma de poemas para o Día da Paz que fixemos este curso, outro bo feixe de poemas para escoller.

18 de marzo de 2020

Versos de muller

Comezamos a compartir poesía con esta escolma, Versos de Muller, elaborada pola BBS xa hai uns anos pero que seguimos atopando nos andeis físicos e virtuais da nosa biblio e seguimos relendo.
Aquí tedes poemas para o día a día e tamén, se queredes, para ir preparando a vosa gravación. 


17 de marzo de 2020

Poesía nas casas

O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía, na BBS celebramos cada curso o Mes da Poesía e este ano non vai ser diferente, imos ler, recitar, ilustrar, gozar da poesía na casa. 
Convidámosvos a ler poesía neste mes de marzo, un poema cada día polo menos. Nós iremos colgando no blog escolmas poéticas e enlaces a páxinas nas que atopar poemas para ler. 
Tamén queremos encher o noso blog de poesía, facer un recital poético virtual, para iso necesitamos da vosa axuda:

- Escollede un poema que vos guste.
- Facede un debuxo sobre el.
- Practicade para lelo ben, con entoación. Podedes entre varios, coa axuda de irmás, pais, nais...
- Coa axuda dos vosos maiores, gravádeo en audio ou en vídeo, como prefirades.
- Se escolledes gravalo en vídeo enfocade ao voso debuxo, ao que se ve desde a vosa casa, á vosa horta... Non vos gravedes directamente recitando á cámara. 


Enviade os vosos poemas ao correo da BBS:

biblio.brea.segade@gmail.com

14 de marzo de 2020

No salón do Libro de Pontevedra

O xoves pasado tivemos a enorme sorte de visitar o Salón do Libro de Pontevedra. Sempre agardamos con ganas a visita ao Salón e sempre resulta unha experiencia fantástica, pero este ano ten un aquel especial pois fomos un dos coles que puido visitalo antes do seu peche a causa da crise sanitaria do coronavirus.
Con Orbil na Orbil Parade
Orbil!!!

Como centro colaborador temos a posibilidade de participar nunha actividade de animación á lectura e nunha visita guiada ao Salón. Os nenos e nenas de 1º e 2º participaron nun contacontos a cargo de Raquel Queizás e os nenos e nenas de 5º nun obradoiro a cargo de Anxo Fariña. Tremendo luxo!






Na visita a exposición quedamos abraiad@s coas salas de humor escatolóxico, humor negro, Italia ou Rodari e coñecemos un pouco mellor a Helena Villar Janeiro e Kiko Da Silva, os escritor@s homenaxeados este ano.






Visitamos os traballos escolares e atopamos a nosa maqueta 😍


Encantounos o Salón e encantounos a visita. 
Desde a BBS queremos darlles os parabéns aos organizador@s e aos colabolador@s do Salón; cada ano conseguides renovar a maxia, sorprendernos e ilusionarnos coa lectura e a cultura.
Grazas por todo o traballo e a sensibilidade que hai detrás 
de cada unha das propostas e dos elementos do Salón! 

Grazas polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra! 
😘😘

Axudantes: seguimos

Comezamos coa segunda volta dos equipos de axudantes; ben se nota que xa teñen experiencia.




12 de marzo de 2020

En familia

Hoxe tivemos a primeiras das Tardes en familia na BBS que botamos a andar en colaboración coa ANPA, para descubrir entre tod@s os recursos e posibilidades que ten a nosa biblioteca, tamén para as familias.














11 de marzo de 2020

O Guá

Hoxe Tero Rodríguez, Helena de Alfonso e Jose Luís Lara Gruñeiro, Barahunda,  estiveron no cole co espectáculo O Guá, que está baseado no conto Estela berra moi forte de Bel Olid. Hai temas, como os abusos á infancia, que temos que falar nas casas e na escola para asegurarnos de que os nenos e as nenas teñen os recursos precisos para medrar protexidos/as e evitar situacións de risco. O difícil é buscar recursos e espazos para falar deses temas desde a tranquilidade, a naturalidade e a sensibilidade. Hoxe  Guá fixo que o pasaramos moi ben pero tamén nos fixo, e nos fará, pensar e falar. 

Grazas, Tero, Helena e Jose.


De que cor é un bico?

Hoxe estreouse como contadora da BBS Sabela e fíxoo do mellor xeito posible, da man de Noemí que xa é unha experta. Escolleron unha historia que nos plantexa un problema De que cor é un bico? Rocío Bonilla cóntanos a historia de Minimoni, a quen lle encanta pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas, ceos azuis, plátanos amarelos... pero nunca pintou un bico. Encántanos esta historia e as súas ilustración e hoxe, contada por Sabela e Noemí, foi unha maravilla! 😍






Moi ben, contadoras!