Temos nova páxina no cole, da Aula de Música. Estade atentas e atentos a ela, iredes tendo recursos para seguir tocando, cantando e gozando coa música coma no cole. Entrade e enchede as vosas casas de música.
19 de marzo de 2020
Antoloxía de Celso Emilio Ferreiro
Aquí tedes outra antoloxía que fixemos na BBS xa hai uns anos. É unha pequena escolma dun dos grandes poeta galegos, Celso Emilio Ferreiro, que fixemos coincidindo co centenario do seu nacemento.
Poemas para construír a paz
Aquí tedes a escolma de poemas para o Día da Paz que fixemos este curso, outro bo feixe de poemas para escoller.
18 de marzo de 2020
Versos de muller
Comezamos a compartir poesía con esta escolma, Versos de Muller, elaborada pola BBS xa hai uns anos pero que seguimos atopando nos andeis físicos e virtuais da nosa biblio e seguimos relendo.
Aquí tedes poemas para o día a día e tamén, se queredes, para ir preparando a vosa gravación.
17 de marzo de 2020
Poesía nas casas
O 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía, na BBS celebramos cada curso o Mes da Poesía e este ano non vai ser diferente, imos ler, recitar, ilustrar, gozar da poesía na casa.
Convidámosvos a ler poesía neste mes de marzo, un poema cada día polo
menos. Nós iremos colgando no blog escolmas poéticas e enlaces a páxinas
nas que atopar poemas para ler.
Tamén queremos encher o noso blog de poesía, facer un recital poético virtual, para iso necesitamos da vosa axuda:
- Escollede un poema que vos guste.
- Facede un debuxo sobre el.
- Practicade para lelo ben, con entoación. Podedes entre varios, coa axuda de irmás, pais, nais...
- Coa axuda dos vosos maiores, gravádeo en audio ou en vídeo, como prefirades.
- Se escolledes gravalo en vídeo enfocade ao voso debuxo, ao que se ve desde a vosa casa, á vosa horta... Non vos gravedes directamente recitando á cámara.
Enviade os vosos poemas ao correo da BBS:
biblio.brea.segade@gmail.com
14 de marzo de 2020
No salón do Libro de Pontevedra
O xoves pasado tivemos a enorme sorte de visitar o Salón do Libro de Pontevedra. Sempre agardamos con ganas a visita ao Salón e sempre resulta unha experiencia fantástica, pero este ano ten un aquel especial pois fomos un dos coles que puido visitalo antes do seu peche a causa da crise sanitaria do coronavirus.
![]() |
| Con Orbil na Orbil Parade |
![]() |
| Orbil!!! |
Como centro colaborador temos a posibilidade de participar nunha actividade de animación á lectura e nunha visita guiada ao Salón. Os nenos e nenas de 1º e 2º participaron nun contacontos a cargo de Raquel Queizás e os nenos e nenas de 5º nun obradoiro a cargo de Anxo Fariña. Tremendo luxo!
Na visita a exposición quedamos abraiad@s coas salas de humor escatolóxico, humor negro, Italia ou Rodari e coñecemos un pouco mellor a Helena Villar Janeiro e Kiko Da Silva, os escritor@s homenaxeados este ano.
Visitamos os traballos escolares e atopamos a nosa maqueta 😍
Encantounos o Salón e encantounos a visita.
Desde a BBS queremos darlles os parabéns aos organizador@s e aos colabolador@s do Salón; cada ano conseguides renovar a maxia, sorprendernos e ilusionarnos coa lectura e a cultura.
Grazas por todo o traballo e a sensibilidade que hai detrás
de cada unha das propostas e dos elementos do Salón!
Grazas polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra!
😘😘
12 de marzo de 2020
En familia
Hoxe tivemos a primeiras das Tardes en familia na BBS que botamos a andar en colaboración coa ANPA, para descubrir entre tod@s os recursos e posibilidades que ten a nosa biblioteca, tamén para as familias.
11 de marzo de 2020
O Guá
Hoxe Tero Rodríguez, Helena de Alfonso e Jose Luís Lara Gruñeiro, Barahunda, estiveron no cole co espectáculo O Guá, que está baseado no conto Estela berra moi forte de Bel Olid. Hai temas, como os abusos á infancia, que temos que falar nas casas e na escola para asegurarnos de que os nenos e as nenas teñen os recursos precisos para medrar protexidos/as e evitar situacións de risco. O difícil é buscar recursos e espazos para falar deses temas desde a tranquilidade, a naturalidade e a sensibilidade. Hoxe Guá fixo que o pasaramos moi ben pero tamén nos fixo, e nos fará, pensar e falar.
Grazas, Tero, Helena e Jose.
De que cor é un bico?
Hoxe estreouse como contadora da BBS Sabela e fíxoo do mellor xeito posible, da man de Noemí que xa é unha experta. Escolleron unha historia que nos plantexa un problema De que cor é un bico? Rocío Bonilla cóntanos a historia de Minimoni, a quen lle encanta pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas,
ceos azuis, plátanos amarelos... pero nunca pintou un bico. Encántanos esta historia e as súas ilustración e hoxe, contada por Sabela e Noemí, foi unha maravilla! 😍
![]() |
| Moi ben, contadoras! |
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)































