20 de outubro de 2020

Lendo na plataforma ELBE2

Esta semana a clase de 6º comezou a usar a Plataforma de Lectura Dixital ELBE.2 na Hora de Ler . Algúns xa a descubriron e utilizaron en 5º durante o confinamento, pero agora pasa a ser unha das opcións de lectura tamén na Hora de Ler.

Así o contan no seu blog de aula.

Día das escritoras 2020

 

 

O 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras. Desde a BBS propoñémosvos un reto: descubrir quen son estas doce escritoras e coñecer algunhas das súas obras.  Tedes ata comezos de marzo para buscar os seus libros na BBS, investigar sobre elas e entregar os "pasaportes de lectura" na biblioteca. Animádevos!

18 de outubro de 2020

Xeografías lectoras na biblioteca escolar

Estamos en outubro, mes das bibliotecas e o vindeiro sábado 24 celebraremos o Día da Biblioteca. Na BBS imos ter unha semana especial, na que falaremos da nosa biblioteca, de libros, de escritoras e na que damos a coñecer a campaña da Asesoría de Bibliotecas Escolares para este curso:  

Xeografías Lectoras na biblioteca Escolar


XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros... 

Neste curso tan diferente, no que día a día reinventamos o traballo na escola e nas bibliotecas escolares, a campaña da Asesoría céntrase na lectura, nas súas enormes potencialidades e no seu papel fundamental na aprendizaxe e na formación integral do noso alumnado. Aceptamos, encantadas, a proposta e adentrámonos nas xeografías lectoras, da man do cartel deseñado pola ilutradora Bea Lema.

15 de outubro de 2020

Axudantes da BBS: comezamos!

Esta semana comezaron a colaborar os nov@s axudantes da BBS, martes os de 5º e mércores os de 6º. Teremos que ir afacéndonos aos novos tempos, ás novas tarefas e ás novas actividades. Pero o que non cambia son as ganas de participar nas actividades na BBS, así dá gusto!

9 de outubro de 2020

MonteMar

Radio na biblio emite... dende as casas

A Asesoría de Bibliotecas Escolares vén de publicar un díptico con experiencias de radio realizadas desde as bibliotecas escolares durante o confinamento. Entre as experiencias compartidas está a da Radio BBS, que alá por abril abriu as xanelas e deixou entrar ás vosas voces e un sopro de aire fresco e ánimo.


Grazas, Asesoría de Bibliotecas Escolares, por contar con nós para este díptico

6 de outubro de 2020

Axudantes BBS 2020-2021

Móllate polos ríos

O sábado 10 de outubro estamos convidados/as a participar nunha actividade de educación e concienciación medioambiental, enmarcada dentro do Proxecto Ríos, promovido por Adega e co que colaboran o Concello de Rianxo e o colectivo veciñal Fousas ao Monte. Levarase a cabo a limpeza dun tramo do río Té e aproveitarase para coñecer as especies propias do entorno do río.  É unha boa proposta para a tarde do sábado, animádevos!

2 de outubro de 2020

Landraina

 

Estamos no outono, é tempo de landras, cabazas e castañas. A Comunidade de Montes o Fieitoso e o Colectivo Veciñal Fousas ao Monte organizan a 2º Landraina, para recoller landras e despois ir repoboando os nosos montes con carballos. Este ano, por seguridade, non haberá unha landraina colectiva,  a recolleita será individual ou en familia ao longo de toda a primeira quincena de outubro e as landras  deitaranse nun colector que xa está agardando por elas no Campo de Maneiro, diante do pavillón. Pasado o día 15 membros de Fousas ao Monte repartiranas polo monte comunal. 

Animádevos a participar! 

Facede a vosa landraina, apañade landras cando saiades pasear ao monte e traédeas ata Campo Maneiro. 

Non esquezades sacar algunha foto. 

Itinerarios lectores en setembro

Este curso na Hora de Ler comezamos lendo títulos dos itinerarios lectores de cada curso. Volver a ler xunt@s, en voz alta e voz baixa, falar sobre as obras que estamos a ler, aproveitar as lecturas para aprender e traballar en diferentes materias... Estas primeiras lecturas dos itinerarios préstáronos ben a tod@s, desde 1º a 6º. Seguiremos explorando os nosos itinerarios lectores!