A entrada do colexio, ás portas da biblioteca, teremos durante o mes de maio unha exposición de obras do escultor de Taragoña, Che Tembra, que, unha vez máis, colabora co Brea Segade neste mes das nosas Letras. Rosalía, Faustino Rey Romero, Cernadas de Castro, Roberto Vidal Bolaño e os rianxeiros Xesús Santos e Xosé Luís Axeitos presiden a nosa entrada, xunto con outras obras en ferro, sobre madeira. Son unha pequena mostra da creatividade, o bo facer e o compromiso coa cultura e a lingua deste artesán de Taragoña. A obra de Che Tembra ten estado en salas de exposición de toda Galicia e para nós é un orgullo poder telo no Brea Segade.
Por se isto fora pouco, esta semana tivemos a sorte de que Che, un dos bos e xenerosos, quixera compartir o seu tempo e o seu saber cos nenos e nenas do colexio. Mércores e xoves estivo ensinándonos os segredos da forxa e do traballo dos ferreiros. Puidemos axudarlle e ver de cerca como se fan puntas para gamelas, puntas de frecha, anzós para baleas... O que tal aprendemos!
Grazas, Che!
Neste enlace podedes ler unha entrevista que lle fixeron xa hai un tempo en Fotos de Rianxo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario