Este xoves membros do Laboratorio Ecosocial do Barbanza e representantes da Fundación Banco Santander e da Universidade de Santiago de Compostela visitaron Campo Maneiro para coñecer de primeira man o proxecto Máis ca leña. Estas institucións son as que convocan os premios Proxectos Semente, que como sabedes, foi concedido a Máis ca leña no pasado mes de xuño. Recibímolos na biblioteca e despois, acompañados por membros da Comunidade de Montes o Fieitoso e de varios mestres do noso cole, realizaron unha visita á que será a área didáctica sobre usos dos nosos montes e desenvolvemento sostible. Emilio Saborido foinos guiando polos diferentes espazos que forman parte do circuíto e puideron ver os avances que se realizaron nos últimos meses. Os nosos visitantes marcharon encantados do que viron e das potencialidades que aínda están por desenvolver.
Na comunidade escolar do Brea Segade sentímonos tremendamente afortunad@s e orgullos@s de formar parte deste proxecto que pon en valor a nosa realidade, o coidado e respecto do medio e o traballo conxunto da escola e a sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario