Este xoves tivemos o primeiro dos actos cos que este xaneiro conmemoraremos o Día da Non Violencia e a Paz. Participamos nunha plantación de árbores autóctonas na subida cara a Ourille, en fronte da caseta das cabuxas. Colaboramos, un ano máis, coa Comunidade de Montes o Fieitoso de Taragoña e o colectivo veciñal Fousas ao Monte. Coidar o noso monte é imprecindible para construír un mundo mellor e, sen dúbida, é unha aposta pola non violencia e a paz.
Foi unha mañá ben completa, na que plantamos, visitamos ás cabuxas, sacamos a Paquita e aprendemos moito sobre o noso monte, sempre da man de Emilio Saborido, que volveu compartir con nós o seu tempo e o seu saber. Desta vez as árbores eran principalmente cerdeiras e castiñeiros e tamén algún chopo. Xa que o terreo no que plantamos é de recheo e non é moi rico, Emilio aproveitou para ensinarnos a inocular as árbores con micelio, que botamos nas raíces, antes de cubrilas por completo de terra. Estes fungos enriquecerán o terreo e axudarán a que as árbores medren mellor.
Grazas á Comunidade de Montes o Fieitoso e a Fousas ao Monte por todo o que compartimos con vós! Que sorte temos!
Grazas ao Concello de Rianxo, que abriu os buratos e fixo máis levadeiro o noso traballo! 😉
Grazas, Emilio! Sempre aprendemos un montón contigo.
gustame moito plantar e sobre todo ese dia porque fomos ver as cabras pequenas.Daniela 5º :)
ResponderEliminar