24 de maio de 2018

A tartaruga que quería durmir

Esta semana Nerea e Rita contaron  A tartaruga que quería durmir de Roberto Aliaga e Alessandra Cimatoribus, nos nosos recreos lectores. Levaban agardando moito tempo, porque este trimestre son moitas as familias que están a participar nos contacontos, pero pagou a pena, pola historia que escolleron e polo ben que o fixeron. Conseguiron "engancharnos" por completo nas aventuras e desventuras da tartaruga que quería durmir.




Moi ben, contadoras!

22 de maio de 2018

As maquetas da BBS

E xa van cinco cursos participando no Salón do Libro Infantil de Pontevedra!
No Mes das Letras, sacamos as cinco maquetas cos seus libros á entrada do colexio, porque nós tamén somos creadores e creadoras das Letras Galegas.
A motora de Cambeses, O Nautilus, a batea, Castelao e Maruja Mallo e a antiga cámara de cine son unha boa mostra.




19 de maio de 2018

Na BBS tod@s contamos: Rosa e Rita

Continuamos recibindo familias que veñen compartir contos na BBS. Este venres foron Rita e a súa nai, Rosa. Escolleron O soño do osiño rosa de Roberto Aliaga e Helga Bansch, unha historia que fala da importancia de perseguir os soños, que son diferentes como diferentes somos tod@s. Preciosa a historia e as ilustracións, máis aínda ao ser contada co agarimo co que Rosa e Rita o fixeron. 
Moitas grazas, contadoras!  
Un pracer ver como medra a familia de contador@s da BBS.







Festival das Letras Galegas

Un ano máis, a aula de Música organizou o Festival das Letras Galegas, implicando a todo o alumnado do centro, facendo cultura, mantendo viva a nosa lingua e a nosa tradición. Parabéns a tod@s polo esforzo e o bo facer que compartistes con nós desde o escenario. Parabéns, José Luis, polo día a día do traballo da aula de Música.

1º e 6º

2º e 3º



Nereida








Recta final das Mochilas Viaxeiras

Este mércores saíron de novo as Mochilas Viaxeiras, xa non para todos os cursos, só para os mais numerosos, nos que aínda hai lector@s agardando por elas "ansiosamente" 😉

Boas Lecturas!

Na foto faltan os de 6º que estaban de visita no IES Felix Muriel e colleron as Mochilas pola tarde.

Irene ten claro que foi o que máis de gustou de todo o que a Mochila Viaxeira levou ata a súa casa.

15 de maio de 2018

Na BBS tod@s contamos: Alexia e Yoli

Hoxe Alexia e a súa nai, Yoli, foron as contadoras dos recreos lectores da BBS. Xa son veteranas e dá gusto volver telas de novo compartindo historias con nós. Desta vez léronnos "man a man" Un can e un gato de Paula Carbonel e Chené Gómez. 

Un can e un gato coñecéronse.
O gato dixo: Miau! O can dixo: Guau!
Pero non se entenderon.

Así comeza a historia de dous amigos que ás veces se entenden e ás veces non, que ás veces berran e ás veces non, como pasa en calquera historia de amig@s, irmáns, compañeir@s... Hoxe na biblio sorrimos cun conto sobre a amistade, o respecto ás diferenzas e a tolerancia.  Grazas Yoli, grazas Alexia!





Grazas, contadoras!




Xa está na casa!

Recén chegada de Pontevedra! Agora a gozar dela en Taragoña 😀

Mª Victoria Moreno, o amor pola lingua

Este luns asistimos a un espectáculo de contacontos baseado na figura de Mª Victoria Moreno, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo. A sesión estivo a cargo da actriz, contadora e escritora Soledad Felloza, quen fixo, por medio dos contos,  un percorrido por parte da obra da escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2018. 
Foi un luxo poder seguir descubrindo o mundo literario de María Victoria Moreno da man dunha narradora da calidade de Soledad Felloza.




10 de maio de 2018

Na BBS tod@s contamos: Antonio e Rafa

Hoxe Rafa e Antonio, o seu pai, estiveron contándonos un conto na BBS. Eles xa
son expertos, levan cursos participando nos contos do recreo, e para nós é unha ledicia seguir contando con eles.
Desta vez escolleron Superar el listón de Victoria Pérez Escrivá, unha historia cun elefante e un canguro como protagonistas, que nos fala da importancia de coñecernos e aceptarnos tal e como somos. Imposible non sorrir coas aventuras e desventuras deste elefante. Grazas, Antonio e Rafa polo conto, que non coñeciamos e pola "fidelidade" coa BBS. 😉






Plataforma de Libro Electrónico


A Biblioteca Brea Segade forma parte do proxecto ELBE2, lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, que busca introducir os dispositivos de lectura dixital nas bibliotecas dos centros escolares e facilitar ao alumnado oportunidades de achegamento ao libro dixital, nun contexto de aprendizaxe e coa guía do profesorado. Dentro dese proxecto, na BBS contamos, xa hai un tempo, con catro lectores electrónicos que están a ser usados nas aulas.
Este curso a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia creou unha Plataforma de préstamo de libros electrónicos, que se atopa en fase piloto, e se ofertou a 50 bibliotecas escolares de toda Galicia, entre elas á BBS. Estamos empezando a coñecer a Plataforma, a darnos de alta, facer os primeiros préstamos... 
Pinta moi ben! Seguirémosvos contando.
http://bega-elbe2.edu.xunta.es/opac/?locale=gl#indice