13 de novembro de 2021

Magosto no Brea Segade

Onte celebramos o magosto no cole, papamos castañas, asadas polos nosos asadores oficiais, Charo e Tino, e fixemos manualidades de outono, diferentes en cada curso. Aínda non podemos celebrar os magostos de antes, pero o Equipo de Dinamización Lingüística preparounos unha mañá ben boa, chea de actividades.

11 de novembro de 2021

Directo, directo

Continúan os directos do recreo, con locutoras/es e técnicos/as cada vez máis expertos; son os amos/as da Radio BBS!😍

10 de novembro de 2021

Itinerarios lectores: Os soños na gaiola

Na aula de 5º escolleron os seus poemas favoritos de Os soños na gaiola, de Manuel María, un dos libros do seu itinerario lector, e graváronos. Aquí tedes a montaxe que elaboraron cos audios. Cousas bonitas que se fan nas aulas cos itinerarios lectores. 😍
 
 
No blog de 5º tedes máis información.

7 de novembro de 2021

Mochilas Viaxeiras 2

Xa están viaxando de novo! As Mochilas Viaxeiras iniciaron este xoves a súa 2ª viaxe. Boas lecturas en familia!

Visita do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Este xoves membros do Laboratorio Ecosocial do Barbanza e representantes da Fundación Banco Santander e da Universidade de Santiago de Compostela visitaron Campo Maneiro para coñecer de primeira man o proxecto Máis ca leña. Estas institucións son as que convocan os premios Proxectos Semente, que como sabedes, foi concedido a Máis ca leña no pasado mes de xuño. Recibímolos na biblioteca e despois, acompañados por membros da Comunidade de Montes o Fieitoso e de varios mestres do noso cole, realizaron unha visita á que será a área didáctica sobre usos dos nosos montes e desenvolvemento sostible.  Emilio Saborido foinos guiando polos diferentes espazos que forman parte do circuíto e puideron ver os avances que se realizaron nos últimos meses. Os nosos visitantes marcharon encantados do que viron e das potencialidades que aínda están por desenvolver.
Na comunidade escolar do Brea Segade sentímonos tremendamente afortunad@s e orgullos@s de formar parte deste proxecto que pon en valor a nosa realidade, o coidado e respecto do medio e o traballo conxunto da escola e a sociedade.

Obradoiros con Avoar

Ao longo do mes de outubro realizáronse nas aulas de 1º, 2º, 3º e 4º dúas sesións de traballo nas que nenos e nenas reflexionaron, a través do xogo e de actividades artísticas, sobre os estereotipos de xénero e a importancia dos coidados. Estas sesións, organizadas pola ANPA do Brea Segade, foron impartidas por Avoar, entidade cultural e educativa polo desenvolvemento rural sostible. 

Grazas a Avoar e á nosa ANPA por axudarnos a crear espazos para medrar en igualdade e respectando as diferenzas.

3 de novembro de 2021

A Gramola Gominola

Non perdades a oportunidade de velos! 

Os seus discos están nas nosas Mochilas Viaxeiras e nos andeis de música da BBS. Témolos o sábado en Rianxo, un bo plan para toda a familia.

Mércores no recreo na BBS

As imaxes dinno todo, axudantes de 6º en acción! Dá gusto con eles/as!
Revisando Mochilas Viaxeiras
Directos do recreo da Radio BBS

Sorteando Mochilas Viaxeiras

De viaxe polo Barbanza

Chegaron de volta as Mochilas e trouxeron varias propostas de viaxes en familia por Rianxo. Aínda que na ponte choveu algúns puidestes saír e mandarnos fotos dos lugares propostos. 
Moitísimas grazas, Mateo, Breixo e Hugo polas reportaxes fotográficas e moitas grazas tamén a Carla, Breixo e Damián que anotastes as vosas propostas nos Cadernos de Viaxe. 
Desta 1ª volta recomendástesnos: 
- O Castro Barbudo 
- O Pico da Muralla co seu mirador
- A praia da Torre e o paseo marítimo
- A praia das Cunchas 
- A praia da Posta de Taragoña
Tomamos nota! 
 Grazas, familias!

Vampiros en Stop Motion

A aula de 5º aproveitou a proposta do Equipo de Extraescolares de facer vampiros na mañá de Samaín para darlles vida e empezar a usar a técnica de Stop Motion. Aquí tedes o resultado. Entrade no seu blog para ver o proceso de creación.