8 de maio de 2018

Na BBS tod@s contamos: Sandra e Sara

Seguimos compartindo boas lecturas e bos momentos coas familias. Hoxe  no recreo estivo con nó Sandra, a nai de Sara. Escolleron tres relatos de Cámbiache o conto de Pinto e Chinto. O libro é fantástico, realmente divertido; xoga cos contos tradicionais e busca novas versións. Elas escolleron tres contos "cambiados" con moito humor e fixéronnos sorrir. Gustáronnos moito os contos e as contadoras! 😃
Recomendámosvos que busquedes na BBS Cambiache o conto e o leades, para botar unhas risas e ata para inventar vós novos contos cambiados.
Grazas, Sara e Sandra! Que boa escolla fixestes!





Grazas!





Medrando


Na BBS tod@s contamos: Sheila e Rebeca


Así de contentos, a primeira hora da mañá, Breixo e Claudia anunciaban que as súas nais viñan no recreo a contar un conto.  Max e Lea de Estefanía Padullés, foi o conto que escolleron Sheila e Rebeca para compartir con nós. Max é un Tyrannosaurus rex, grande e forte que ten un problema que só a pequena Lea lle poderá axudar a resolver. A historia é preciosa, chea de disosauros, que tanto nos gustan a tod@s! Pero ademais Sheila e Rebeca contáronola cun mural chulísimo no que ían colocando aos personaxes, así que non perdemos detalle. Encantounos!







Grazas, Sheila! Grazas, Rebeca!

Que chulada!


5 de maio de 2018

Che Tembra

A entrada do colexio, ás portas da biblioteca,  teremos durante o mes de maio unha exposición de obras do escultor de Taragoña, Che Tembra, que, unha vez máis, colabora co Brea Segade neste mes das nosas Letras. Rosalía, Faustino Rey Romero, Cernadas de Castro, Roberto Vidal Bolaño e os rianxeiros Xesús Santos e Xosé Luís Axeitos presiden a nosa entrada, xunto con outras obras en ferro, sobre madeira. Son unha pequena mostra da creatividade, o bo facer e o compromiso coa cultura e a lingua deste artesán de Taragoña.  A obra de Che Tembra ten estado en salas de exposición de toda Galicia e para nós é un orgullo poder telo no Brea Segade.





Por se isto fora pouco, esta semana tivemos a sorte de que Che, un dos bos e xenerosos, quixera compartir o seu tempo e o seu saber cos nenos e nenas do colexio. Mércores e xoves estivo ensinándonos os segredos da forxa e do traballo dos ferreiros. Puidemos axudarlle e ver de cerca como se fan puntas para gamelas, puntas de frecha, anzós para baleas... O que tal aprendemos!






Grazas, Che!

Neste enlace podedes ler unha entrevista que lle fixeron xa hai un tempo en Fotos de Rianxo.

Na BBS tod@s contamos: Fanny e José María

Na BBS seguimos recibindo novos contadores e contadoras que aceptan o noso convite e se achegan para compartir historias.  Que sorte temos! Este venres estiveron Alba, seu pai e a súa nai contándonos porque a lúa non chora. A lúa ladroa de Pablo Albo e Pierre Prat fálanos da perda dun obxecto moi importante e dun descubrimento sorprendente. Grazas por este conto tan fermoso, case tanto como escoitarvos aos tres contándonolo 😃




Grazas, contadores!

4 de maio de 2018

Pitiños no cole

Na entrada da biblioteca, hai 21 días, Tino colocou unha incubadora de "fabricación caseira", mellor dito de "fabricación Tino", con 24 ovos.  Ao longo destes días foinos explicando en grupos, como estaba feita, para que era, que podiamos agardar...




Tiñamos unha contatrás que cada día ía baixando día a día, e a data prevista de eclosión era o venres 4 de maio. Pero o xoves aos chegar ao cole atopámonos cunha sorpresa! 😍


Ao longo da mañá fomos vendo máis ovos escachando e un par de pitiños máis asomando as cabezas e a última hora da mañá, cando xa saíran os buses... Apareceu o primeiro pitiño negriño.
 






Hoxe venres, o día que en principio estaba previsto veríamos os pitiños... Vimos moitos e pasamos a mañá facendo visitas á incubadora e establecendo quendas para "flipar cos nosos pitiños".



 Grazas, Tino, pola mellor lección de Naturais do curso! 
Esta non nos esquece nunca. 😊


Mochilas Viaxeiras de maio

Saíron as primeiras Mochilas Viaxeiras do mes de maio. Empezamos a recta final do seu percorrido. Os que aínda non as tivestes na casa non desesperedes, xa queda moi pouquiño.


Desta vez non pararon nada na BBS, chegaron e marcharon mércores, despois de pasar dúas semanas, ponte incluída, nas casas de oitos afortun@dos. Aquí as tedes con Sara, Noemí e Sergio. Graciñas polas fotos, son estupendas!




Na BBS tod@s contamos: Inés e Tahira

Na primeira semana de maio a biblioteca encheuse de contos en familia. O xoves estiveron Tahira e a súa avoa Inés. Trouxéronnos a historia dun cadeliño que facía das súas na praia, Pizco en la playa, de Lorena Marín. Foi un gusto escoitar ás dúas, man a man, contar as divertidas aventuras de Pizco no seu primeiro día de praia. Era tamén a súa primeira experiencia como contadoras e fixéronno de marabilla.  Agardamos que lle colleran o gusto e repitan 😀






Grazas, Inés e Tahira!

1 de maio de 2018

Mª Victoria Moreno

Empeza maio, o mes das nosas Letras!
A escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas é María Victoria Moreno. Para saber máis sobre ela e a súa obra convidámosvos a visitar a páxina na que enlazamos recursos elaborados por diferentes colectivos e institucións para difundir e dar a coñecer a vida e a obra da escritora homenaxeada. Destacamos o traballo do Seminario Galán, que un ano máis nos achega moitos recursos para traballar nas aulas e os materiais ofertados pola Real Academia da Lingua Galega no portal A Primavera das Letras.

Para entrar na páxina clicade na imaxe nesta entrada ou na caricatura no menú da esquerda.

http://bibliobreasegade.blogspot.com.es/p/letras-galegas-2018.html