27 de febreiro de 2018

As manoplas de Carapuchiña

O conto de hoxe veunos que nin pintado para a mañá de frío que pasamos  e para as que están a vir no resto da semana. Clara, Ainara e Carmen faláronnos de manoplas, de neve, de frío e chocolate quente... Imposible atinar máis!
As manoplas de Carapuchiña de Inés Almagro e Mikel Mardones é unha versión sorprendente do conto popular, cunhas ilustracións moi fermosas e un final que nos fai sorrir. Boa escolla e mellores contadoras!





Moi ben!

25 de febreiro de 2018

Na Casa Museo de Rosalía

Dentro da programación de actividades para conmemorar o 24 de febreiro, organizamos unha visita á  Casa Museo de Rosalía, na Matanza en Padrón, na que participou o alumnado de 2º a 6º. Dividímonos en tres quendas e visitamos o Museo e o Xardín Botánico Artístico de Padrón. Había tempo que non iamos á Casa de Rosalía co colexio e foi moi agradable ver os cambios e a modernización do Museo, que é hoxe máis atractivo, especialmente para o alumnado de Primaria, sen que se perdera a esencia e a relevancia da casa. É unha visita imprescindible por todo o que podemos descubrir e aprender sobre a nosa lingua, a nosa literatura, a nosa cultura, a nosa natureza... Acompañounos o tempo e puidemos pasear devagar pola horta e descubrir o seu enorme valor natural e histórico, demorar na visita á casa e tamén facer un xogo no Xardín Botánico para descubrir unha parte da súa enorme riqueza natural. Foi unha mañá de aulas abertas, chea de aprendizaxes e experiencias que lembraremos e que sen dúbida repetiremos.

2º recitando a Rosalía
3º recitando a Rosalía


 
No Xardín Botánico Artístico.



Castelao no Xardín Botánico
 
 

23 de febreiro de 2018

Sopa verde

Esta semana tivemos que cambiar o conto para o xoves. Helena e Carla escolleron  Sopa verde de Ángela Madeira e Till Charlier. Como nos gusta ese coello que só come verde e eses amigos que lle fan un engano saboroso e divertido!
Casualidade que o xoves tiveramos sopa verde e o venres caldo? Ou é que estas dúas expertas contadoras teñen poderes e adiviñan o que vai pasar na BBS? Quen sabe! 😉







Saborosa historia, contadoras!


Veñen e van

As Mochilas continúan viaxe, non teñen parada :-)


Na casa de Lois

Radio Bulebule

Non perdades a oportunidade de escoitar a Paco Nogueiras mañá sábado en Rianxo. Despois do moito que cantamos e bailamos co Brinca Vai! non agardamos menos do seu novo álbum, Radio Bulebule, que xa podedes escoitar na BBS.


Homenaxe a Rosalía en Rianxo


Contando con Rosalía


20 de febreiro de 2018

Rosalía: un libro e unha flor

Onte repartimos polas clases o agasallo co que celebramos Día de Rosalía: un libro e unha flor. Adiantámonos un pouco, o 24 de febreiro é o sábado que vén, pero queremos que o noso agasallo serva para que nas clases se lea e se fale de Rosalía durante toda a semana. Cada grupo recibiu unha flor feita na impresora 3D, un libro sobre Rosalía e unha copia da nosa escolma poética.

Un libro e unha flor

O axudantes da BBS repartindo agasallos





En 3º a flor de Rosalía acompañando aos merlos de Faustino Rei Romero
Por fin descubriuse para que eran as flores! 😜

Flores 3D

A nosa impresora 3D empezou a funcionar e ninguén sabía que estaba a "cociñar" desta vez.



 Pouco a pouco empezou a adiviñarse unha das formas e foise correndo a voz: Son flores!


Si, eran flores! Pero, para que?


18 de febreiro de 2018

Rosalía: Abrimos a fiestra

Aquí tedes unha escolma da poesía de Rosalía para que tod@s abramos a fiestra e gocemos de Rosalía nas aulas e na casa.

17 de febreiro de 2018

Abride a fiestra

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra 

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra

8 de febreiro de 2018

Viaxando no Entroido

Saíron as mochilas de novo, desta vez para pasar o Entroido en oito das vosas casas. Que sorte! Máis tempo para ler, escoitar, facer...gozar das nosas Mochilas Viaxeiras.


Viñan de recibir o cariño e a quenturiña noutras familias, aquí temos algunha mostra. 


Sara

Adriana
Ainhoa





A partes iguais

Esta semana tivemos un grupo de contadoras que tiñan moitísimas ganas de contarnos unha historia a partes iguais entre elas. Tanto é así que agardaron a estar todas recuperadas do andazo que atacou á súa clase nas últimas semanas e non quixeron nin falar de contar o conto faltando algunha delas. E por fin, na semana do Entroido no cole, Salma, Dália, Noa, Nerea, Rita e Lucía, con pencas e bigotes como mandou Toribio, contáronnos A partes iguais de Darabuc e Lina Zutauté. Esta historia fálanos da aventura de cinco personaxes que cooperando entre eles buscan un mundo mellor, máis xusto e no que todos/as teñamos os mesmos dereitos. Pagou a pena agardar polo conto, fermoso no texto e nas ilustracións e polas contadoras, que o fixeron de marabilla.

Comezamos, a partes iguais





Moi ben, contadoras!