Hoxe cantamos e puxemos os maios no cole. Tivemos a sorte de que Alma, Jose Luís e Tino pasaron por todas as aulas traéndonos o ramo e animándonos a cantar os maios rianxeiros.
Carlos, Froilán e Hugo comparten con nós Paco de Paula Carballeira. Vós non faríades calquera cousa por un anaquiño da vosa comida favorita? Paco si!
Moi ben, contadores!
A Aula de Música do CEP Brea Segade, en colaboración co Servizo de Normalización do Concello de Rianxo, vén de publicar unha páxina con información sobre os maios rianxeiros: historia, recollidas, letras, partituras e versión en karaoke e MP3, para que poidamos cantar e celebrar os maios tradicionais en todos os centros educativos do concello e tamén nas casas.
No Brea temos a fermosísima experiencia do curso pasado de cantar Ei vén maio desde as casas, este ano farémolo tamén no cole. 😃
Entrade na páxina dos maios rianxeiros e ide preparándovos, que "Ei vén maio"!
No mes dos libros Alberte e Hugo cóntannos Moustache de Gracia Iglesias. Moustache é a divertida historia dun gato coqueto e curioso e un neno case tan curioso coma el.
Grazas, Hugo! Grazas, Alberte!
Dá gusto escoitarvos! E dan ganas de ir correndo buscar esta historia de gatos e de bigotes. Bravo, contadores!
Contamos con vós para os contacontos nos recreos da BBS, en canto poidamos volver facelos.
Aquí vai a copla que os rapaces e rapazas de 5º e 6º lle botaron aos compañeiros e compañeiras do CEIP A.D.R Castelao de Rianxo, despois de escoitar a que eles nos mandaran. Gustounos isto de regueifar entre coles.
Grazas, David, técnico de Lingua do Concello de Rianxo, por pasarnos o vídeo. 😉
O obradoiro con Lupe Blanco e Josiño da Teixeira saiu no Fun polo aire da TVG, entrade neste enlace para velo, saímos no minuto 31:17.
Terceiro e Cuarto levaron a cabo un proxecto sobre As Meninas de Velázquez na Sección Bilingüe, na materia de Plástica. Como remate do proxecto deseñaron as súas propias versións das Meninas, que despois pasamos a formato 3D e imprimimos na nosa impresora. Este venres puideron ver o resultado, meninas convertidas en pins personalizados.
No Día do LIbro saíron as Mochilas Viaxeiras coa novidade de que en 3º e 5º pasaron a ser dúas, garantindo así que chegarán a todas as casas antes de final de curso 😃
O venres o alumnado de Terceiro participou no obradoiro "Xoga, crea e aprende idiomas" impartido por Paola Guimeráns. Neste obradoiro traballaron con Scratch e a placa MaKey MaKey. Con Scratch aprenderon a programar e con MaKey MaKey viron como converter case calquera obxecto nun teclado alternativo. Usando materiais cotiáns, crearon e xogaron a un videoxogo para aprender vocabulario en inglés, castelán e chinés. O obradoiro forma parte dunha investigación sobre tecnoloxía e idiomas na que está participando Paola. Os nenos e nenas de Terceiro tiveron a sorte de poder participar desde a Aula de Inglés.
Hoxe , na Hora de Ler, cada clase veu o vídeo A música das palabras e despois sacamos os nosos libros ao patio e lemos. O día non nos acompañou, pero aínda así, enchemos os espazos cubertos de libros e lecturas.
Cando
lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos
dedos cantan.
As
palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros
voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas
que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!
As
palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do
corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e
novos,
fantasías e verdades.
Esteas
cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha
nova terra
e unha lingua estraña, as historias e
poemas
perténcente.
Cando
compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do
futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía
de
esperanza.
Escrito
por
Margarita Engle Traducido
por María
Canosa
Como cada ano, unha escritora galega actual, neste caso Elvira Ribeiro, agasalla ás bibliotecas escolares de Galicia cun texto para celebrar e difundir no Día do Libro, as potencialidades da
lectura: "Ler é un agasallo sen cancelas."
Os grupos de 5º e 6º participaron hoxe nun obradoiro de regueifa con Josiño
da Teixeira e Lupe Blanco. Rianxo é un dos concellos que impulsa o
proxecto educativo Enreguéifate!, que busca promover a improvisación oral en verso e en lingua galega, por medio da difusión da regueifa.
Rapaces e rapazas do IES Félix Muriel, do CEIP Ana Mª Diéguez, do CEIP A.D.R. Castelao e do CEP Brea Segade participaron neste obradoiro e aprenderon a compoñer coplas seguindo a tradición da regueifa en Galicia. Ata se botaron coplas dun centro a outro! 😃
Grazas a Lupe Blanco e Josiño da Teixeira por contaxiarnos a paixón pola regueifa e grazas ao Concello de Rianxo por esta iniciativa.
Chegaron as Mochilas Viaxeiras de volta á BBS e trouxéronnos novas imaxes dos vosos recunchos e lecturas favoritas.
Grazas a Breixo, Daniela e Ezequiel e ás súas familias por deixarnos ver eses estupendos espazos para ler. Tamén hai quen dixo que lle gusta ler en calquera lado 😍 Estupendo!!
Remataron os Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. Foron dúas tardes intensas, de formación de calidade, nas que puidemos escoitar a algúns dos máis importantes expertos/as en lectura e bibliotecas como Cristina Novoa, Daniel Cassany, Alicia Sellés, Blanca Mata, Estrella Borrego ou Joan Ferrés e tamén descubrir algunhas das interesantes experiencias que se están a desenvolver nos centros Plambe.
Precisamos de formación para continuar avanzando nos nosos proxectos de biblioteca, para seguir ofertando día a día espazos, lecturas e propostas de calidade a alumnado, profesorado e familias, desde a escola pública. O Plambe, entre outras moitas cousas, ofrécenos esa formación necesaria para non perder o Norte e para renovar a ilusión e as ganas de traballar desde as bibliotecas escolares.
O peche destes Encontros foi un luxo, a entrevista da xornalista Susana Pedreira á escritora Irene Vallejo, que nos deleitou coas súas palabras sobre a oralidade, o libro e a lectura.
Esta semana a aula de Sexto colocou os carteis elaborados por Segundo e Sexto para concienciar sobre a importancia de non deitar lixo no monte e de facer un uso responsable dos espazos naturais. Bo traballo, rapaces e rapazas!
O alumnado de 5º e 6º participou estas últimas dúas semanas nun obradoiro de educación afectiva e sexualidade, impartido pola psicóloga Natalia Guedellas. O título do obradoiro é Quererse ben e traballouse sobre sexo e xénero, afectividade, coñecemento e valoración dun mesmo/a para poder coñecer e respectar aos demais: quererse ben a un mesmo/a e querer ben aos demais.
O obradoiro resultou moi interesante e dou pé a moitas reflexións e debates que terán continuidade nas aulas, porque a educación afectiva e a sexualidade deben estar presentes na Educación Primaria de xeito consciente, para evitar a desinformación e os tópicos.