23 de xuño de 2022
Grandes viaxeiros e viaxeiras
A aula de 5º investigou sobre grandes viaxeiros e viaxeiras das súas familias, persoas que, por diferentes motivos, visitaron ou viviron en diferentes países do mundo. Houbo moitas sorpresas, recolleron moita información que descoñecían, mesmo de familiares moi próximos. Confirmaron ese dito de que: "en calquera lugar do mundo podes atopar un galego ou unha galega". Finalmente elaboraron libros con lapelas sobre os seus grandes viaxeiros e viaxeiras, que presentaron aos compaleiros/as e expuxeron na entrada da BBS.
No blog de 5º tedes información sobre cada un dos grandes viaxeiros e viaxeiras.
Moi ben, rapaces e rapazas de 5º!
Viaxamos polo mundo
Nestas últimas semanas compartimos os traballos realizados nas aulas no marco do PDI deste curso, De viaxe!. A aula de 2º expuxo na biblioteca os libros de viaxe que foron elaborando ao longo do curso.
Moi ben, viaxeiros e viaxeiras de 2º!
19 de xuño de 2022
Ler no verán 2022
18 de xuño de 2022
2º, 3º e 4º visitan "Máis ca leña"
Esta semana os rapaces e rapazas de 5º e 6º fixeron de guías do proxecto Máis ca leña para os compañeiros de 2º, 3º e 4º. Agora que podemos xuntar grupos, realizamos as primeiras visitas didácticas con nenos/as, que, loxicamente, queriamos que foran co alumnado do Brea Segade. Foi unha experiencia moi interesante tanto para os guías como para os destinatarios. Non temos que ir moi lonxe para aprender un motón sobre o medio natural e para poñer en práctica a oralidade e as capacidades sociais.
Parabéns, Sexto e Quinto! Sodes uns guías fantásticos/as!
Parabéns nenos e nenas do Brea, polo interese e
as ganas de aprender sobre o noso entorno.
13 de xuño de 2022
Carteis provisionais
12 de xuño de 2022
11 de xuño de 2022
Na busca dun fogar
Este venres, despois de 2 anos e 3 meses, volvemos ter contacontos no recreo 🎉🎉
Icía e Carla contáronos Na busca dun fogar, de Alexis Deacon, ilustrado por Viviane Schwarz. Na busca dun fogar é unha historia preciosa, sorprendente e divertida, que ten unhas ilustracións moi coidadas e atractivas. Buscádeo na biblioteca, vaivos gustar.
Foi emocionante volver escoitar contos na BBS, con público de todas as clases, compartindo o noso gusto polas boas historias.
Grazas, Carla e Icía!
Sodes unhas contadoras fantásticas!