29 de outubro de 2022

Mochilas Viaxeiras para o Samaín

O xoves emprenderon a segunda viaxe as Mochilas Viaxeiras. Desta volta xa son 10, as que viaxarán ao longo do curso. Boas lecturas para estes días de chuvia, vento e Samaín 🎃

María recolleu a Mochila para Amath

26 de outubro de 2022

A figueira de Pelostortos

 Volven os contacontos do recreo! Neste Mes das bibliotecas imos retomando boa parte das actividades que son a esncia da BBS: recreos creativos, axudantes, Mochilas Viaxeiras, directos da Radio BBS... e hoxe volveron os contacontos do recreo! 

A aula de Sexto abriu a tempada de contacontos dramatizando A figueira de Pelostortos, un clásico imprescindible deste tempo de Samaín, de historias de medo e de risa. A figueira de Pelostortos, de Ana García Castellano e Mikel Mardones,  leva sendo un dos contos favoritos na BBS desde que se publicou e o Samaín non había ser o mesmo sen escoitala, lela ou dramatizala.

Grazas, Sexto, por comezar os contacontos deste curso e por traer á BBS a Pelostortos, que tanto nos gusta e tan ben nolo fai pasar. 

Estivestes xenial!


Anunciando o conto na entrada











Bravo, Sexto!

3º equipo de axudantes

Esta semana debuta un novo grupo de axudantes da BBS e volven  deixarnos claro que este curso veñen con forza e con moitas ganas de traballar: radio, revisar e sortear Mochilas Viaxeiras, repoñer libros nos andeis, axudar aos pequenos/as... Así dá gusto!






Escribir a biblioteca escolar: Parabéns BBS!



Escribir a biblioteca escolar é o lema proposto pola Asesoría de Bibliotecas Escolares para o curso 2022–2023. Desde a BBS ímonos sumar á proposta incorporando actividades de escrita creativa na nosa programación. Comezamos elaborando postais para darlle os parabéns á BBS no Día das Bibliotecas e para compartir que é o que máis nos gusta da nosa biblioteca. 



As vosas postais xa decoran a BBS. Grazas!





23 de outubro de 2022

Día das bibliotecas 2022: BiblioTEcoida

 


Mañá 24 de outubro é o Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas: escolares, públicas, universitarias... Nós tamén teremos a nosa celebración, aínda que na BBS todos os días do ano son Días da Biblioteca

BiblioTEcoida é o lema deste ano. O cartel foi elaborado pola ilustradora e autora de banda deseñada Xulia Vicente, galega de Cariño, que actualmete reside en Valencia. Xulia recolle moi ben a idea de biblioteca para tod@s, que nos acompaña e nos ofrece recursos para medrar e vivir: a biblio que nos coida 😍.

20 de outubro de 2022

Sintaxe no Brea Segade

Hoxe botou a andar "oficialmente" no Brea Segade o método Sintaxe de aprendizaxe da gramática. Temos a sorte de que estes días van estar con nós Emilio Neira e diferentes persoas do equipo co que creou un método innovador e inclusivo para a aprendizaxe da gramática, que se está empregando con éxito en escolas de Suiza e que o alumnado de 2º e 6º do Brea Segade comezará a utilizar tamén, na nosa lingua. 

Emilio Neira, David Cuence e Xiro estiveron hoxe no Brea Segade para coordinar co profesorado implicado a avaliación inicial, para coñecer ao alumando que participará no proxecto e para que tiveramos unha primeira toma de contacto cos materiais. Emilio, que é antigo alumno do Brea, seguro que aproveitou tamén para lembrar vellos tempos 😉

Comezamos esta nova andaina con ilusión, sabendo o afortunados e afortunadas que somos por poder formar parte desta experiencia e con moitas ganas de aprender, grandes e pequenos/as. 😀










2º equipo de axudantes da BBS

O segundo grupo de axudantes tamén está dando mostras do nivelazo que temos este curso. 😍






16 de outubro de 2022

Xogar é cousa nosa


 Atentos/as ao proegama de actividades da ANPA do Brea Segade para as vindeiras semanas, moi interesante! Participade!

13 de outubro de 2022

Mochilas Viaxeiras 2022-2023

Hoxe saíron as primeiras Mochilas Viaxeiras deste curso: 9 mochilas que xa están en casas do Araño e Taragoña, levando unha pequena escolma dos fondos da BBS para compartir en familia. Agardamos que vos gusten moito!


12 de outubro de 2022

1º equipo de axudantes da BBS

Este martes comezou a funcionar o primeiro dos 5 equipos de axudantes cos que contamos este curso. No primeiro día xa estiveron ben atarefados:  sortearon e anunciaron as Mochilas Viaxeiras e comezaron a emitir os directos do recreo. Bravo!

Axudantes ben identificados/as!