23 de decembro de 2022

Grazas!

Pechamos o mercado solidario felices coa acollida que tivo. Temos que dar as grazas ás familias, que coma sempre, apoiastes a iniciativa da BBS con entusiasmo, e aos axudantes da BBS que se implicaron encantados na actividade: xestionando os trocos, organizando as caixas, revisando e recolocando as mesas do mercado...

Ao longo destes dez días recollemos un total de 386 produtos de hixiene persoal para os campamentos de refuxiados/as do Sahara. Fantástico! 

Estamos felices e moi orgullosas da comunidade escolar do Brea Segade. Grazas!

Na vindeira semana faremos entrega de todo o recollido a Sogaps, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.



Grazas, axudantes!

O casco de Leiro

O alumnado de 6º, está viaxando pola historia da arte, como parte do desenvolvemento do Proxecto Documental Integrado deste curso: De viaxe! A primeira parada desta viaxe foi na prehistoria e non moi lonxe de Taragoña. Investigaron sobre o casco de Leiro e nesta última semana compartiron o seu traballo cos compañeiros/as doutras aulas na biblioteca. Contaron cunha réplica do casco de Leiro que nos deixou o departamento de Cultura do Concello de Rianxo.

Mochilas Viaxeiras: 5ª viaxe

Mochilas Viaxeiras para este tempo de Nadal. Gozade moito delas en familia!

Xornal BBS 25

Puntual na súa cita, saiu o número 25 do Xornal BBS, o último do 2022.

21 de decembro de 2022

Festival de Nadal da Escola de Música

A Escola de Música de Rianxo fai todos os anos un festival para celebrar o Nadal. Vaise realizar durante dous días: o 18 e o 23 de decembro. A primeira sesión, o 18, foi ás 11:30 no Auditorio de Rianxo. Tocaron o piano, o violín, o violonchelo, o contrabaixo, a guitarra, o coro, o baixo eléctrico e o combo de jazz. 
A segunda sesión, o 23, vai ser ás 20:00 no Auditorio de Rianxo. Tocarán a frauta, o óboe, o fagot, o clarinete, o saxofón, a trompa, a trompeta, o trombón, o bombardino, a tuba, a percusión e os/as pequeniños e pequeniñas da Escola de Música. 
Animádevos a ver as actuacións que quedan!!! 

 Carla Rial (6º)

Ler no Nadal

Entra na publicación e descubre as nosas propostas de lecturas para este Nadal. Preme sobre as portadas dos libros para ter máis información sobre eles e poder escoller «Un libro para agasallar... ou para pedir como agasallo neste Nadal». Boas lecturas!

16 de decembro de 2022

Lecturas solidarias

Levamos unha semana de mercado solidario e estamos impresionadas e agradecidas coa boa acollida por parte das familias do cole. Nos recreos as/os axudantes da BBS non pararon de recoller produtos, anotar os libros que se convertían en lecturas solidarias e reorganizar as mesas do mercado. Fantástico traballo, axudantes da BBS!

Polas tardes foron moitas as familias que se achegaron para colaborar, así dá gusto! Quédanos tres días máis na semana que vén, se aínda non vos achegastes, non deixedes de facelo.








O tesouro de pirata Frank

Carla e Irene leváronnos en busca dun tesouro O tesouro de pirata Frank de Mal Peet, unha divertida aventura de piratas con final sorprendente e inesperado. É unha das novidades da BBS, vén e búscaa, vaiche gustar!

Moi ben, contadoras, grazas por compartir o tesouro con nós.






Bravo!

14 de decembro de 2022

Lalia

Lalia from sahara libre on Vimeo.

Para coñecer mellor a realidade dos campamentos saharauís cos que colaboramos este ano no mercado solidario de Nadal. 

9 de decembro de 2022

Mercado solidario

Este ano volve o mercado solidario de libros de expurgo! 
Nesta ocasión colaboraremos con Sogaps e todo o recollido irá aos campamentos de refuxiados/as do Sahara. Comezamos o luns 12, animádevos a participar!




Todo listo!

8 de decembro de 2022

25 N: Canción sen medo

 

Canción sen medo (Vivir Quintana)

Que trema o Estado, os ceos, as rúas,

que treman os xuíces e as súas tribunas

hoxe as mulleres ficamos sen calma

sementaron medo, medráronnos ás.

A cada minuto, de cada semana 

que rouban amigas, e matan irmás 

destrúen seus corpos, os desaparecen 

recorde seus nomes, 

por favor, señor presidente. 

Por tódalas compas marchando en manifa 

por tódalas mozas loitando en Galiza 

polas matriarcas que son tan valentes 

por tódalas nais buscando as ausentes 

cantamos sen medo, pedimos xustiza 

berramos por cada desaparecida.

Que resoe forte “Querémonos vivas!” 

Que caia con forza o feminicida.

Eu todo o incendio, eu todo o rompo 

se un día un fulano apaga os teus ollos 

xa nada me cala, xa todo me sobra 

se tocan a unha, respondemos todas 

Son Claudia, son Esther e son Teresa 

son Ingrid, son Fabiola e son Valeria, 

son a nena que subiches pola forza 

son a nai que agora chora as súas mortas 

e son esta que che fará pagar as contas. 

Xustiza! Xustiza! Xustiza! 

Por tódalas compas marchando en manifa 

por tódalas mozas loitando en Galiza 

polas matriarcas que son tan valentes 

por tódalas nais buscando as ausentes 

cantamos sen medo, pedimos xustiza,

berramos por cada desaparecida.

Que resoe forte “Querémonos vivas!” 

Que caia con forza o feminicida.

Que caia con forza o feminicida.

E retumben os centros da terra ao sonoro ruxir do amor.

E retumben os centros da terra ao sonoro ruxir do amor.

 

(Tradución ao galego CEP X.Mª Brea Segade)  

Emocionante creación colectiva ao redor do 25N. Parabéns polo traballo á Aula de Música e ao Equipo Tics, pero moi especialmente ás nenas e nenos do Brea Segade, que, coma sempre, conseguides emocionarnos e facernos crer nun futuro mellor. Bravo!

Até as princesas soltan peidos

 Elsa, Xoana, Candela, Daniela, Sabela e Carlota desveláronnos onte un grandísimo segredo que poucas persoas coñecen. Até as princesas soltan peidos de Ilan Brenman é unha divertidísima historia que nos confía un dos segredos mellor gardados sobre as princesas. 

Tivemos a sorte de que estas fantásticas contadoras escolleran esta historia para compartila con nós nos contacontos da BBS. Agora coñecemos moito mellor ás princesas de conto. 

Grazas, contadoras!






Equipazo de contadoras!
Bravo!

Morreu o demo

O mércores e o venres desta semana a Asociación Morreu o demo vai desenvolver un obradoiro de títeres na aula de 6º do noso colexio. Onte estiveron elaborando os guións coa axuda de Electra Menéndez, artesá  que está a impartir o obradoiro. O venres elaborarán os personaxes, decorado e atrezzo para rematar representando as súas obras. A temática escollida para todas as obras é as viaxes, relacionado así este obradoiro de creación co PDI promovido pola BBS. 

A actividade está enmarcada dentro das actividades do proxecto Titiriberia  que a asociación realiza en Rianxo. Agardamos con ganas por esas obras de títires de creación propia! 😀


2 de decembro de 2022

A paso de tartaruga

Ainara e Paula foron as contadoras desta semana. Escolleron A paso de tartaruga de Boniface Ofogo, un conto tradicional africano protagonizado pola criatura máis vella, sabia e paciente da selva. É unha fábula sobre como esa criatura, a boa, que para moitos simboliza o perigo e a morte, acadou a salvación de toda a fauna. O conto ten ademais unhas fermosas e coloridas ilustracións de Rebeca Luciani. 

Encantounos a historia e como nola contastes.

Grazas, Paula e Ainara!






Moi ben, contadoras!

Directos da Radio BBS

 Esta semana tivemos directos da Radio BBS nos recreos de martes e xoves; os nosos axudantes non paran!