27 de febreiro de 2021

Plantación no monte de Taragoña

Este venres todo o colexio participou nunha plantación de árbores autóctonas diante da nova caseta das cabuxas. Organizamos a plantación coa Comunidade de Montes o Fieitoso e o Colectivo Veciñal Fousas ao Monte e contamos coa colaboración do Concello de Rianxo, que fixo os buratos e nos prestou as ferramentas.

Plantamos castiñeiros, cerdeiras bravas e un chopo branco. Tivemos a sorte de que Emilio Saborido estivera con nós coordinando a plantación, explicándonos que facer, axudándonos a distinguir especies, falándonos de monte sostible... Un luxo, coma sempre!

Organizamos dúas quendas, con tres grupos burbulla en cada unha delas, porque o monte e as actividades en natureza non só son os mellores espazos para aprender, se non que tamén son seguros e moi saudables 😍

Grazas á Comunidade de Montes de Taragoña, a Fousas ao Monte,

 ao Concello de Rianxo e moi especialmente a Emilio Saborido.

















Aproveitamos tamén para visitar a plantación que fixeramos hai uns anos de lado de Campo Maneiro e ver como van medrando as árbores e para ir falando do que atopabamos polo camiño. 

Que boa mañá pasamos!

Coas cabuxas

 A plantación estivo moi ben, pero todos devecíamos por ir ver as cabuxas, así que unha vez feito o traballo... 😀


Mochilas Viaxeiras 8

Veñen días de sol e boas temperaturas, para sacar os libros ás hortas, aos xardíns, á praia... Buscade unha boa sombra e gozade das lecturas que enchen as Mochilas Viaxeiras da BBS.


25 de febreiro de 2021

Xeografías lectoras: recunchos de lectura 7

As Mochilas xa están de volta na BBS, en corentena para poder saír de novo venres, con toda a tranquilidade. Trouxeron de volta, como en cada viaxe, imaxes dos vosos recunchos para ler e as vosas lecturas favoritas. 

Grazas  Darío, Leo, Ainara, Iker, Rubén e Lucas 

por compartilas con nós.









21 de febreiro de 2021

Rosalía

No Día Internacional da Lingua Materna publicamos un novo podcast da Radio BBS. 

Trátase  da lectura colectiva de Rosalía, de Helena Villar Janeiro, ilustrado por Ánxeles Ferrer e publicado pola Fundación Rosalía de Castro. Alumnado de 1º a 6º participa nesta homenaxe a Rosalía de Castro, á nosa lingua e á nosa cultura.

Entra no seguinte enlace para escoitar o programa: Rosalía

Gravando:


Teus doces cantares

O 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía, este ano o lema da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) é "Teus doces cantares". No Brea Segade xa comezamos a ler, recitar e cantar os doces cantares de Rosalía de Castro e seguiremos facéndoo ao longo de toda a semana. 😍