31 de xaneiro de 2022

Encontro con Gonzalo Moure

Hoxe tivemos visita na BBS. Había moito tempo que non recibiamos a un escritor na nosa biblio, xa tiñamos ganas de facelo e a verdade é que retomamos os encontros con escritores/as "ao grande", con Gonzalo Moure. El leva anos facendo que os nenos e nenas do Brea Segade viaxen ao Sahara da man de Kori e Caramelo, mergullándose en Palabras de Caramelo, un dos nosos libros favoritos dos itinerarios lectores da BBS. 
Este curso descubrimos El niño de luz de plata e viaxamos de novo ao Sahara e descubrimos os bibliobuses e as bibliotecas do Bubisher e quixemos saber máis e sentirnos participes deste fermosísimo proxecto. 
Gonzalo falounos hoxe do Bubisher, do Sahara, dos seus libros, da lectura e da escritura, dos dereitos dos nenos e as nenas, do  voso poder para transformar o mundo, da xustiza... Un pracer enorme escoitalo!
 
Grazas, Gonzalo, pola túa cercanía e 
por todo o que compartiches con nós!
 
Grazas, Bubisher, por "el niño de luz de plata"!
Con 5º e 6º
Na Radio BBS

Con 3º e 4º

29 de xaneiro de 2022

Mochilas Viaxeiras 7

Nova saída das Mochilas Viaxeiras! E xa van sete viaxes polas vosas casas 😀Gozade moito delas! Contádenos que tal foi a experiencia nos Cadernos de Viaxe e animádevos a proponernos saídas en familia pola comarca.

Plantación 2022

Este xoves tivemos o primeiro dos actos cos que este xaneiro conmemoraremos o Día da Non Violencia e a Paz. Participamos nunha plantación de árbores autóctonas na subida cara a Ourille, en fronte da caseta das cabuxas. Colaboramos, un ano máis, coa Comunidade de Montes o Fieitoso de Taragoña e o colectivo veciñal Fousas ao Monte. Coidar o noso monte é imprecindible para construír un mundo mellor e, sen dúbida, é unha aposta pola non violencia e a paz. 

Foi unha mañá ben completa, na que plantamos, visitamos ás cabuxas, sacamos a Paquita e aprendemos moito sobre o noso monte, sempre da man de Emilio Saborido, que volveu compartir con nós o seu tempo e o seu saber. Desta vez as árbores eran principalmente cerdeiras e castiñeiros e tamén algún chopo. Xa que o terreo no que plantamos é de recheo e non é moi rico, Emilio aproveitou para ensinarnos a inocular as árbores con micelio, que botamos nas raíces, antes de cubrilas por completo de terra. Estes fungos enriquecerán o terreo e axudarán a que as árbores medren mellor. 

Grazas á Comunidade de Montes o Fieitoso e a Fousas ao Monte por todo o que compartimos con vós! Que sorte temos! 

Grazas ao Concello de Rianxo, que abriu os buratos e fixo máis levadeiro o noso traballo! 😉

Grazas, Emilio! Sempre aprendemos un montón contigo.

25 de xaneiro de 2022

De viaxe polo Barbanza 6

Como estamos a aproveitar o bo tempo destes días para saír visitar sitios chulos en familia! 😎

Aquí tedes as fantásticas recomendacións desta primeira viaxe das Mochilas no 2022: 

- A senda do río Té. 

- A praia da Torre. 

- O Mirador da Muralla. 

- O Castro Barbudo e a baixada polo Camiño Real. 

Grazas, Alexandra, Uxío, Xoán, Adriana e familias, polas fotos e as recomendacións. Grazas a tod@s polas vosas achegas nos Cadernos de Viaxe. Encántannos!

21 de xaneiro de 2022

Directo música

Esta semana combinamos unha escolma musical realizada por Nerea, que xa está en 1º da ESO, con locutores/as e técnicos/as de son de 5º e 6º que dominan a arte do directo. Insuperable!!Seguimos cos directos da Radio BBS os mércores e xoves.

Axudantes e novidades

Esta semana os nosos axudantes estiveron botando unha man selando os novos libros que estamos fichando. Estade atent@s aos andeis de novidades, chegaron novas lecturas, algunhas delas propostas por vós. Queredes ser os primeiros/as en lelas?🙋

18 de xaneiro de 2022

As nosas entrevistas: Silvia Ferre, Miro Lamas e Alfredo Susavila


Silvia, Miro e Alfredo aceptaron o nosos convite de pasar pola Radio BBS o día que estiveron no cole para agasallarnos cun concerto didáctico de jazz

Aquí tedes a interesante entrevista que lles fixeron alumnos e alumnas de 2º e 5º. Temos ata recomendacións musicais! 

Grazas, Miro, Silvia e Alfredo!


15 de xaneiro de 2022

El niño de luz de plata

Seguimos descubrindo a importancia que o Proxecto Bubisher ten para os campos de refuxiados saharauís e coñecendo mellor algunhas das súas iniciativas. Nestas semanas todas as aulas do colexio estamos lendo unha historia moi especial, El niño de luz de plata, escrita por nenos e nenas do Taller de lectura de Farsía en Smara. É un dos libros Bubisher, que xa forma parte dos itinerarios lectores da BBS e que nos achega a unha realidade diferente á nosa, a través dos ollos dos nenos e as nenas saharauís, que teceron unha historia fermosa, chea de imaxinación, sabiduría e sensibilidade. 
El niño de luz de plata seguirá dándonos que falar, escribir, debuxar.. nestas semanas e tamén nos dará algunha sorpresa. 😊

El niño de luz de plata no blog de 5º.

14 de xaneiro de 2022

Mochilas Viaxeiras 6

Oa axudantes de 5º revisaron e sortearon as Mochilas Viaxeiras antes de que saíran por primeira vez neste 2022. Que gusto contar con vós, axudantes!
E unha vez listas...as Mochilas Viaxeiras emprenderon viaxe de novo. Boas lecturas!