23 de decembro de 2020

Primeiro trimestre

Rematamos o 1º trimestre, a nosa Anpa resumiu moi ben o sentir xeral: "A seguir así". Compartimos o vídeo que elaboraron e subiron a Facebook para agradecer o traballo compartido nestes meses e felicitar o Nadal.

 Grazas á Anpa do cole por estar sempre aí 

e traballar arreo polo Brea Segade.

"A seguir así" no Facebook da Anpa do Brea Segade.

22 de decembro de 2020

Xornal BBS 19

Aquí temos un novo número do Xornal BBS! 

Este ano só en dixital, pero, coma sempre, cheo da mellor información sobre o cole e a nosa contorna. Xa van 19 números!

"Un libro para agasallar"

Aquí están as nosas recomendacións de lecturas para o Nadal: "Un libro para agasallar", para pedir como agasallo ou para coller prestado na BBS ou na Biblioteca Pública Municipal Castelao de Rianxo.

Preme na imaxe para vela en grande e ir pasando as páxinas. FlipHTML5 LightBox Embed Demo

Boas lecturas e boas festas!

20 de decembro de 2020

Libro Interactivo Multimedia sobre o Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo

Compartimos un recurso didáctico, un LIM, elaborado partindo dos contidos do Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo; aprender desde a nosa realidade e desde a riqueza da nosa cultura popular. 

Preme na imaxe ou no enlace para entrar no LIM.

19 de decembro de 2020

O Cancioneiro nas Mochilas Viaxeiras

Recén saído do prelo, o Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo marchou nas Mochilas Viaxeiras para que o poidades descubrir e compartir en familia. Queremos que chegue a todas as casas e que vos faga cantar, bailar, falar, lembrar...

Mochilas Viaxeiras 4

As Mochilas Viaxeiras emprenderon a súa última viaxe no 2020; volverán á BBS en xaneiro, despois do Nadal. 

Boas lecturas para compartir en familia nas festas que xa están a chegar!





18 de decembro de 2020

Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo

Presentamos o Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo. Trátase dunha obra coordinada polo noso profesor de música, José Luís do Pico Orjais, que recolle cantigas e partituras do rica tradición musical rianxeira, enmarcándoas no seu contexto social e histórico. O Cancioneiro é un proxecto escolar de recuperación e posta en valor do patrimonio musical, cultural e lingüístico de Rianxo, que pretende facilitar a súa incorporación como recurso educativo e ferramenta de traballo en diferentes ámbitos, relacionados coa música e a cultura.   

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo e a comunidade escolar do CEP Brea Segade de Taragoña impulsaron a realización deste cancioneiro, que foi editado pola BBS Editora. 

Dada a situación actual na parroquia de Taragoña, a presentación, que ía ter lugar no noso colexio este luns 21 de decembro, queda adiada. Agardaremos a tempos mellores para poder celebrar con toda a comunidade escolar e as persoas interesadas e comprometidas coa recuperación do noso patrimonio, a publicación deste 1º volume do Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo

Longa vida ao noso patrimonio cultural! 

 

O portal do Concello de Rianxo recolle a nova da presentación do Cancioneiro Escolar Urxente de Rianxo. 

13 de decembro de 2020

Xeografías lectoras: recunchos de lectura 3

Temos novas imaxes dos recunchos de lectura e dos títulos favoritos das Mochilas Viaxeiras. Grazas Valeria, Xoán, Daniela e Iker por compartilos con nós. 




10 de decembro de 2020

Directos no recreo

A Radio BBS comezou a emitir en directo nos recreos! Os axudantes da BBS de 5º e 6º son os encargados/as das emisións. Comezaron con temas musicais de diferentes xéneros: rock galego, rock anglosaxón, temas pop e rock de Nadal... 






Bravo! Benvidos os directos dos recreos!

3 de decembro de 2020

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Esta semana recibimos na nosa biblioteca unha caixa moi especial, que nos enviaron desde a Asociación Amicos. Viña decorada con adhesivos que falaban de Festiritititi, o festi da integración. Era irresistible!

A clase de sexto foi a encargada de abrila hoxe, 3 de decembro, e investigar de que se trataba. Descubriron unha proposta de xogos, moi ben preparados e moi ben explicados. O Equipo Badaboom da Asociación Amicos escolleu e preparou un feixe de xogos divertidos e moi apetecibles, pero sobre todo, xogos nos que todos e todas imos poder participar e dos que todos imos gozar. Xogaremos desde e pola integración ao longo do curso, non só hoxe. Esta caixa pasa xa a formar parte dos recursos da BBS, da nosa biblioteca creativa e inclusiva.

De momento Sexto abriu a caixa, revisou os materiais e comezou a gravar vídeos presentando a iniciativa e os xogos aos compañeiros/as. Como este curso non podemos participar das mesmas actividades tod@s xuntos a aula de 6º vai ser a encargada de presentar ao resto do cole a actividade e os xogos, que se irán facendo en días diferentes para cada clase. Esta caixa vainos dar moito xogo!!!

Grazas, Amicos! Grazas Equipo Badaboom! 

Seguirémosvos contando como integramos esta proposta no noso día a día. 









2 de decembro de 2020

CEP Xosé Mª Brea Segade: un centro LÍA.2

Hoxe a Asesoría de Bibliotecas Escolares publicou o vídeo gravado na nosa biblioteca no mes de outubro. Para toda a nosa comunidade escolar é moi emocionante ver recollido neste vídeo o traballo, os proxectos, as transformacións, as aprendizaxes e as vivencias que agroman en cada un dos espazos e recursos da BBS. 

Querémolo compartir con vós, de momento virtualmente, pero coa certeza de que, en canto sexa posible, a Biblioteca Brea Segade volverá ser o espazo de encontro, creación e aprendizaxe de toda a comunidade escolar.

 

Grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Grazas a Lucía Estévez e Gonzalo Suárez pola mirada e o cariño cos que retratades o noso colexio e a nosa biblioteca.