30 de abril de 2018

Abril, Mes dos Libros

Abril chega ao seu fin. Déixanos a lembranza de moitas actividades e moito traballo feito ao redor dos libros, a lectura, a cultura, a información: a nosa maqueta no Salón do Libro, a visita ao Salón, a escritora María Canosa, a titiriteira e contadora Celtia Figueira, os contacontos das familias, o apadriñamento e amadriñamento lector, impresión 3D, novos xogos para os escornabots, o monográfico do Xornal BBS...
Compartimos aquí un pequeno resumo en imaxes do que foi Abril. Clicade no collage para ver máis imaxes e neste enlace se tedes tempo e queredes lembrar con calma todas as actividades do Mes dos Libros.

https://photos.app.goo.gl/XlmN4L6UOW5F13Zt1

Xornal BBS 14

O venres 27 de abril saiu á luz o número 14 do Xornal BBS, nesta ocasión un monográfico sobre as actividades de Abril, Mes dos Libros, na nosa escola, que como ben podedes ver foron moitas, tantas que non todas colleron no Xornal. 
Parabéns ás redaccións de todos os cursos por levar ao noso Xornal ata o número 14 e por por facelo así de ben!

Afillad@s de 2º

Os afillados e afilladas de 2º agradeceron aos seus padriños e madriñas o ben que o pasaron na tarde do mércores. Entrade no seu blogue para velo.

http://segundodobreasegade.blogspot.com.es/2018/04/grazas-padrinos-e-madrinas.html

Pensa, decide, opina, sé critic@...Le

Aquí van outras dúas curtas que tamén proxectamos na biblioteca o mércores pasado. Ironía con animais como protagonistas, historias que nos fan sorrir e tamén pensar.
Lambs de Filmbilder


Head up de Filmbilder

Imaxina, crea, soña...Le

Compartimos as curtas que proxectamos na biblioteca na tarde do 25 de abril, nos actos do Mes do Libro. Curtas e libros para soñar, imaxinar, pensar, decidir, sorprendernos, aprender, medrar... One by One de Lebo M, as imaxes e a música contan historias tan fermosas coma esta.

Libriños de imaxes en movemento

Padriños, madriñas, afillados e afilladas elaborando xuntos libriños de imaxes en movemento. Libros e precine para celebrar o Mes dos Libros.

29 de abril de 2018

Apadriñamento e amadriñamento lector

Un ano máis celebramos o "día grande" do Mes do Libros co Apadriñamento e Amadriñamento Lector, que xa é unha tradición no Brea Segade. O noso patio e a nosa horta volvéronse encher de lecturas compartidas e volvemos ver algunhas das imaxes máis fermosas do curso. Parabéns ás madriñas e padriños que ao longo da semana pasada prepararon con agarimo contos e postais para sorprender aos seus afillados e afilladas. Parabéns aos afillados e afilladas que soubestes valorar e agradecer o cariño e o esforzo dos maiores.
Apamadriñamento lector from Biblioteca Brea Segade on Vimeo.

Non leas!

Celebración do Mes dos Libros na Biblioteca Brea Segade, 2º de Primaria presenta a mensaxe de Fran Alonso, para dar comezo ao Apadriñamento e Amadriñamento Lector.

23 de abril de 2018

Na BBS tod@s contamos: Nuria e Christian

Hoxe comezamos cos contacontos con colaboración das familias. Parécenos uns dos mellores xeitos de celebrar o Día do Libro, compartindo historias entre nós, coas familias, con toda a comunidade escolar. 
Hoxe "debutaron" nos recreos da BBS Nuria e Christian e fíxonos moita ilusión que foran eles, porque este é o seu primeiro ano no Brea Segade e dá gusto velos implicarse e participar en todas as propostas que facemos.
Escolleron un clásico imprescindible, Artur e Clementina de Adela Turín e Nella Bosnia. A historia destas dúas tartarugas fainos  pensar sobre as relacións entre os humanos e convídanos a cambiar o mundo, cada día, desde a nosa realidade máis próxima para acabar coas desigualdades, a discriminación e o machismo.
Fermosa historia para compartir un 23 de abril!
Grazas, Nuria e Christian!





Grazas, Nuria! Grazas, Christian!

23 de abril: Non leas



Grazas, Fran Alonso!

Feliz Día do Libro, lector@s.

22 de abril de 2018

O libros da titiriteira

Este venres atopámonos na biblioteca con tres libros enormes, cheos de maxia e de sorpresas, que nos deixaron coa boca aberta e nos fixeron sorrir e tamén rir. Un caracol que non lembraba o seu nome, dúas caras moi faladoras e un barco pirata cunha tripulación moi divertida foron saíndo deses libros, da man dunha titiriteira.  Celtia Figueiras visitou a nosa bibliblioteca co seu espectáculo Os libros da titiriteira. Encantounos!
Este venres tivemos unha boa mostra de que os espectáculos de títeres de calidade e as boas historias son para todos os públicos, grandes e pequen@s.
Con 4º, 5º e 6º





Con 1º, 2º e 3º




Grazas ao Consorcio Editorial e moi especialmente a Narciso, por este agasallo no mes dos libros.

Grazas, Celtia, polos libros e pola titiriteira!
Agardamos verte de novo pola nosa biblioteca.

18 de abril de 2018

Viaxando...

Que vos gusten moito!

As Mochilas Viaxeiras seguen camiño, case sen parar a repostar na BBS. Hoxe saíron de novo, e deixáronnos comentarios e debuxos nos Cadernos de Viaxe e imaxes chulísimas do seu paso polas casas de Mikel e Lucas. Está claro que no cole temos uns cociñeiros e cociñeiras de primeira, habera que pensar como aproveitar tanto talento culinario.



Mmmmm!

   

14 de abril de 2018

No Salón do Libro de Pontevedra

O martes fomos de excursión a Pontevedra. Visitamos o Salón do Libro pola mañá e o Museo de Pontevedra pola tarde.
No Salón como centro participante tivemos unha actividade de animación previa á visita. Para os de 1º e 2º foi un contacontos cunha contadora mexicana e para 3º e 5º un obradoiro sobre diversidade e igualdade.
En cantounos a ambientación do Salón sobre a temática deste ano, Mulleres de Conto. Gustáronnos moito as actividades e os xogos na visita guiada. Parabéns, un ano máis á organización, e grazas aos monitores e monitoras que nos acompañastes.






A nosa maqueta!




Ao mediodía chovía a cachón pero tivemos a sorte que nos acolleran para xantar no CEIP Xunqueira 2. Foron superamables con nós, comemos a cuberto, xogamos no patio... Grazas!


Pola tarde parou de chover un pouco e puidemos ir á andar ao Museo de Pontevedra. Participamos en tres actividades: Da paleta ao lenzo para os pequen@s, O retrato para 3º e A prehistoria para 5º. O Museo sempre nos sorprende e sempre saímos con ganas de volver.


Foi un gran día, pese á chuvia e a case non poder pasear por Pontevedra, algo que tanto nos gusta.
Para ver o álbum de fotos da saída premede AQUÍ.

12 de abril de 2018

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

Un ano máis chegan os Encontros do Plambe, unha xornada para continuar formándonos, para compartir experiencias, para intercambiar ideas... para aprender. Porque os profes tamén temos que seguir aprendendo e no caso da nosa biblioteca temos a sorte de que o Plambe asegura esa formación curso a curso. Seguro que despois da xornada de mañá chegarán novas ideas e proxectos á BBS.

9 de abril de 2018

Paraugas 3D para María Canosa

O agasallo da BBS para María Canosa pola súa visita foi idea dos pequen@s, un paraugas-percha feito na nosa impresora  3D, para lembrarlle o moito que lles gustou O día que choveu do revés. Gustoulle moito!



Aos nenos e nenas de 2º tamén lles encantou levar cadanseu para casa como agasallo 😊. Mira a entrada que fixeron no seu blogue.

http://segundodobreasegade.blogspot.com.es/2018/04/no-dia-do-libro.html

Encontro con María Canosa

Hoxe María Canosa visitou a BBS. Tiñamos ganas de coñecela e non nos defraudou. Estivo primeiro cos maoir@s falando do oficio de escritora e tamén de Muriel e Rubicundo. Aos máis pequen@s contoulles O día que choveu do revés e despois contestou a unha morea de preguntas sobre os seus libros e o seu traballo. Pediunos que seguísemos lendo porque a ela lle encanta escribir e que a leamos. Farémolo!
Gustounos moito terte con nós! Graciñas, María!

Con 4º, 5º e 6º



Con 1º, 2º e 3º



Asinando libros