29 de novembro de 2020

Biblioteca creativa: Paola Guimeráns

Este venres Paola Guimeráns estivo no Brea Segade para levar a cabo 4 obradoiros sobre E-textis. Estes obradoiros enmárcanse no proxecto Bibliotecas Creativas promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, do que formamos parte hai xa catro cursos e que deu lugar á creación do Espazo Argalleiro na BBS. Tiñamos moitas ganas de coñecer o seu traballo e a súa proposta de introducir nas bibliotecas escolares o traballo con electrónica, papel e textis. Foi unha mañá fantástica! Catro obradoiros baseados na creatividade, a experiencia e a manipulación, nos que traballamos sobre electrónica e robótica e nos que tod@s gozamos, aprendemos e nos divertimos moito. Foi o primeiro paso dun camiño que queremos continuar. Quedamos con ganas de máis!

Grazas, Paola!

Entrade en cada obradoiro para ver o que fixemos:

Circuítos e papel

Placa Makey Makey 

E-textis

E-Textis

O grupo de 6º traballou con circuítos e textis. Crearon un personaxe con dúas lámpadas led, unha batería e un circuíto cosido con fío condutor. Foi moi interesante achegarse á electrónica desde a creación con teas, ver a toda a clase gozando coa costura e experimentando con leds e baterías. Saíron personaxes ben xeitosos, moi imaxinativos... Só poidemos empezar a imaxinar as historias que protagonizarían eses personaxes "con luz propia"😉, seguiremos...














Placa Makey Makey

Os grupos de 1º e 2º, en dúas sesións diferentes, descubriron os superpoderes das pinzas crocodilo e algunhas das moitísimas posibilidades da placa Makey Makey. De novo un obradoiro para aprender experimentando coa tecnoloxía, manipulando, creando e gozando con todo o que ían descubrindo. 








Tremenda festa cos primeiros sons! O Makey Makey é máxico!

Circuítos e papel

Comezamos a mañá con Paola na aula de 4º de Primaria, descubrindo as posibilidades de traballar con circuítos sobre papel. Partimos dun conto, a historia do sapo e a mosca, e probaron a crear unha postal tipo pop-up (ventá emerxente), con luz. Usaron un circuíto sinxelo que lles permitiu aprender sobre polos positivo e negativo, batería, luz led... E sobre todo que lles permitiu aprender manipulando, observando, experimentando e gozando co proceso e co resultado. 











28 de novembro de 2020

Mochilas Viaxeiras 3

Este venres saíron as Mochilas Viaxeiras, coa novidade de que Primeiro tamén ten dúas, para garantir que este curso chegarán a todas as casas. 

Oito Mochilas viaxando por Taragoña e o Araño! 😍






Boas lecturas para tod@s!

Mochilas seguras, revisadas e sorteadas

 


Tras pasar uns días en corentena ,os axudantes de Sexto revisaron e sortearon as Mochilas Viaxeiras para que puideran comezar a súa terceira viaxe. Pero unha vez revisadas volveron estar en corentena un día máis. 👌


A que andarán na BBS?

Ruído de trade, Tino subido a unha escaleira, "casas" sospeitosas no mural do patio, cables, mobles movidos na BBS... Que andarán a argallar? Para a semana teremos novidades. Estade atent@s, agudizade ben o oído 👂


26 de novembro de 2020

25 de novembro: contra a violencia machista

Este ano non poidemos mostrar xuntos/as o noso rexeitamento á violencia de xénero, pero cada aula realizou actividades ao longo desta semana ao redor da traxedia que representa para a nosa sociedade a violencia contra as mulleres.

En Sexto levantaron tarxetas vermellas contra o machismo:

 

Ao longo de novembro, dentro das actividades do mes da ciencia en galego, realizaron investigacións e presentacións, que compartiron na aula, sobre científicas galegas. Loitar contra o machismo tamén é poñer en valor e dar visibilidade ao papel da muller en diferentes eidos, como por exemplo na ciencia.  

As nosas científicas no blog de Sexto. 

 

En Quinto elaboraron carteis expresando o seu rexeitamento á violencia de xénero. 






24 de novembro de 2020

Proxecto Ríos: 5º e 6º no Té

Hoxe 5º e 6º baixaron ao Té a coñecer o treito do río que temos apadriñado. Realizaron observacións e medicións e tomaron anotacións nunha ficha de campo. Todos estes datos e máis os recollidos por 3º e 4º serán os que utilicemos para cubrir o 1º informe de inspección do noso treito do río Té na páxina do Proxecto Ríos. 👌😊

Emilio Saborido volveu ser o encargado de coordinar a saída e as actividades no río. Foi outra boa mañá de aprendizaxe na natureza, relacionando e poñendo en práctica contidos de moitas materias e, sobre todo, experimentando e descubrindo o noso patrimonio natural. 

Grazas, Emilio!


Aquí comeza o "noso" treito do río Té 😍


Aquí remata, no muíño de Francuín.



Ficha de campo.

Medindo o ancho do río.

Medindo a profundidade.


Collendo unha mostra de auga.


Analizando parámetros da auga.




Muíño de Francuín

Voluntariado Proxecto Ríos 6ª

Voluntariado Proxecto Ríos 5ª

O Té