29 de abril de 2022

O maio en Filgueiras

 

Este sábado 30 de abril, ás 11 da mañá en Filgueiras, xornada de limpeza do monte e como ben nos canta Emilio de 4º, boa oportunidade para recoller os maios. 

Animádevos! 

Entre todos/as logo rematamos o traballo.

O monte é noso!

Escornabots e Matemáticas

A aula de 2º está aproveitando o moito que aprenderon con Almu e Miguel no obradoiro de robótica para traballar as Matemáticas cos escornabots: táboas, numeración, xeometría... Os escornabots poden con todo! 😉

A folla azul en 3D

Ao ver o moito que estaba gustando en 5º e 6º A folla azul de Andrea Maceiras, decidimos facer follas 3D seguindo a ilustración de Sonia García. Andrea Maceiras xa levou a súa o día que veu visitarnos, esta semana rematamos a creación dunha folla azul para cada un dos lectores e lectoras de 5º e 6º, o libro ben o merece!

28 de abril de 2022

Vivan as uñas de cores!

Martes e mércores cambiamos de conto, Breixo, Hugo, Sara, Daniela e Adrián contaron aos compañeiros/as de 1º, 2º, 3º, 4º e 5º Vivan as uñas de cores! de Luís Amavisca. 

Volvemos a escoitar e ver contos como había moito tempo non faciamos, que gozada!

Grazas, Breixo, Adrián, Sara, Hugo e Daniela! 

Encantounos a historia!

27 de abril de 2022

Animais de compañía

Daniela, Diego, Lola, Hugo e Noela trouxéronos os contacontos de volta á biblioteca. Este martes foi un día emocionante na BBS, despois de dous cursos volvemos a compartir lecturas, en modo presencial 😃. 
Escolleron Animais de Compañía de Manuel Lourenzo, un conto que elaboraran e contaran con Kamishibai cando estaban en 2º de Primaria, hai xa catro cursos. Foi un fermoso xeito de retomar unha das actividades que máis nos gustan e que máis botabamos de menos. 
Ao longo desta semana e da seguinte,na Hora de Ler, alumnado de 6º e de 5º compartirá lecturas cos compañeiros e compañeiras de todos os cursos, para despedir o Mes dos Libros e comezar o Mes das Letras. Pouco a pouco imos volvendo á normalidade na BBS... 
Grazas, contadores e contadoras! 
Encantounos escoitar Animais de compañía!
Moi ben, Noela, Diego, Lola, Daniela e Hugo!

24 de abril de 2022

Entrevista a Andrea Maceiras

 
Este Abril, mes dos libros, estanos traendo cousas ben bonitas, como o encontro coa escritora Andrea Maceiras para falar da súa obra A folla azul, Premio Merlín de Literatura Infantil 2020, e parte do itinerario lector do 5º e 6º.
 
 
AQUÍ tedes a entrevista que lle fixeron na Radio BBS alumnas e alumnos de 5º e 6º.

23 de abril de 2022

Día Mundial do Libro 2022

Cartel e mensaxe da Consellería de Cultura, Educación e Universidade  para conmemorar o 23 de abril, Día Mundial do Libro e do dereito de Autor/a. Texto do escritor, editor e tradutor, Xosé Ballesteros, que se centra na parte menos visible do libro: editoriais, imprentas e librarías, que fan posible que as creacións de escritores/as e ilustradores/as cheguen aos lectores/as e ás bibliotecas. 

Feliz Día do Libro!

9 de abril de 2022

Videoxogos e ciberseguridade

Onte o alumnado de 5º e 6º participou nunha charla sobre ciberseguridade e un obradoiro de creación de videoxogos con Carlos Ces, o informático do Concello de Rianxo. Xa é o segundo ano que Carlos realiza estas actividades no noso cole, e, unha vez máis, pasounos o tempo voando e sacamos moito proveito tanto da charla como do obradoiro. Son dous temas que forman parte do día a día do noso alumnado e das súas familias e aos que non sempre lles prestamos a atención que merecen. 

Grazas, Carlos! 

Dá gusto que veñas ao cole, sempre aprendemos un montón contigo.

7 de abril de 2022

Encontro con María Canosa

María Canosa estivo na BBS hoxe pola mañá falando cos nenos e nenas de 1º e 2º sobre O día que choveu do revés e despois cos nenos e nenas de 3º e 4º sobre As pombas de Bastián. Encántanos recibir escritoras na biblioteca, coñecelas e saber como son as escritoras, poder preguntarlles sobre as súas obras e o seu traballo, descubrir curiosidades sobre os libros que lemos... María contounos de novo a historia da chuvia do revés, contestou ás nosas preguntas e ata accedeu a que uns nenos/as de 2º a entrevistaran na Radio BBS. 
Grazas, María! Encantounos coñecerte. 
Grazas Uxía por poñernos en contacto con María.

Mochilas Viaxeiras 12

Hoxe saíron as Mochilas Viaxeiras pasar a Semana Santa nas casas dalgúns de vós. Tedes un feixiño de días libres para gozar delas en familia.😃