24 de novembro de 2022

Mochilas Viaxeiras: 4º Viaxe

Hoxe saíron de novo ás Mochilas Viaxeiras; nin a chuvia as para! Tedes nas casas un bo feixe de libros, música e unha peli para estes días grises e húmidos. Gozade delas á quenturiña!

A miña profe é un monstro

Carla Fungueiriño, Carla Rial e Irene contáronnos este mércores A miña profe é un monstro de Peter Brown. 

Non sabemos se foi pola sona das contadoras, pola identificación co título ou porque segue a chover sen parar, pero a biblioteca estaba chea de público que quería escoitar a divertida historia da relación entre un alumno e a súa profe. Dá gusto volver a ver a biblioteca chea, de historias e de nenos e nenas. 

Grazas, Carla, Irene e Carla! Fixestelo xenial e escollestes un conto ben divertido, que, aínda que poida parecer o contrario, gústalle moito aos nenos, ás nenas e ás mestras 😉







Detrás das Mochilas Viaxeiras

Detrás das Mochilas Viaxeiras hai moito traballo, do equipo da biblio e dos axudantes da BBS. Cada dúas semanas vemos esta actividade frenética 😉 dos nosos axudantes. Que son 10 mochilas viaxando! 10 mochilas para revisar e sortear! 👏👏





Escritores e escritoras

En Sexto están a investigar sobre os autores e autoras dalgúns dos libros que levan en préstamo cada semana e despois comparten o que descubriron co resto da clase. Aproveitan para recomendar algunhas das súas lecturas favoritas ou para explicar porque algunhas non lles gustaron.



Viaxes e viaxeiros

Comezamos a compartir o traballo que as diferentes clases están a realizar no marco do Proxecto Documental Integrado deste curso: Viaxes e viaxeiros
Na clase de 3º están viaxando a través da arte e a súa primeira parada foi a obra de Vincent Van Gogh. Mirade que presentación tan chula compartiron na entrada da BBS. 

Moi ben 3º, sodes uns artistas!

12 de novembro de 2022

Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2022-2023

 

Hoxe celébrase en Santiago a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia, un encontro para falar sobre lectura e escritura, sobre o papel das bibliotecas na alfabetización en todo tipo de linguaxes, sobre proxectos, sobre cooperación, sobre creación... sobre as aprendizaxes que agroman nas bibliotecas escolares. Alí estaremos!