29 de xuño de 2018

Xabier P. Docampo

Este martes, 26 de xuño, faleceu un dos grandes escritores e referentes da literatura infantil e xuvenil galega, Xabier P. Docampo. En 1995 recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Cando petan na porta pola noite, un dos seus títulos máis coñecidos, pero son moitas as súas obras imprescindibles como O misterio das badaladas, O pazo baleiro, A casa da luz, Bolboretas, O libro das viaxes imaxinarias... No 2017 publicou A nena do abrigo de astracán que gañou o Premio de narrativa na III Gala do Libro Galego 2018.
Imposible non facer referencia ao seu compromiso coa lingua, coa cultura, coas bibliotecas, co ensino. Fóisenos un dos grandes das nosas Letras, pero nos queda a súa obra para manter viva a súa lembranza e gozar dela. Que así sexa!

Enquisas de avaliación da BBS. Alumnado

Compartimos os datos recollidos nas enquisas de avaliación do traballo desenvolvido na BBS neste curso. Comezamos coas valoracións do alumnado. Queremos agradecer a vosa participación e implicación na biblioteca ao longo do curso, sen vós nada sería posible. Grazas pola vosa complicidade, por seguir enchendo a BBS de vida.


28 de xuño de 2018

Orghullo Rianxo

http://concelloderianxo.gal/servizossociais/-/blogs/-orghullorianxoO Concello de Rianxo está a desenvolver unha campaña para sensibilizar á comunidade sobre a necesidade de respectar e apoiar a diversidade sexual e a normalización da comunidade LGTBI (Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais). Orghullo Rianxo é un programa que inclúe diferentes actos entre o 18 de xuño e o 8 de xullo. No marco desa campaña, todo o alumnado do noso centro participou nunha sesión de contacontos e un obradoiro sobre diversidade e identidade sexual que resultaron moi interesantes e axudaron a consolidar o traballo e o compromiso que no centro temos coa tolerancia e o respecto á diversidade e á identidade.



No Brea tamén lucimos Orghullo, feito nas aulas.


24 de xuño de 2018

Na BBS tod@s contamos: Tres trasnos moi modernos

O mércores 20, cando xa pensabamos que os contacontos non volverían ata o curso que vén,  tivemos na BBS unhas contadoras moi especiais, que argallaron un conto para nós aproveitando que o seu curso e os seus exames xa remataran. Aida Barros, antiga alumnado Brea Segade, e as súas amigas Sandra e Xiana convertéronse en trasnos e contáronnos unha lenda sobre o Castro Barbudo, adaptada e ambientada tamén na Biblioteca Brea Segade. 
Como nos gusta que os antigos/as alumnos/as volvan e continúen participando da vida do seu colexio! 
Foi un gustazo enorme ter con nós a estas tres "trasnas" versionando unha lenda de tradición oral.

Grazas Aída, Sandra e Xiana! 

Xa sabedes onde estamos, volvede cando queirades.
 
Un bico moi especial para Aida 😉

O cartel anunciador
Mil grazas!

18 de xuño de 2018

Libros que veñen e van 2018

Aquí están as nosas recomendacións de lecturas para as vacacións de verán. Lembrade que podedes atopalas na BBS e levalas emprestadas nas bolsas de lecturas de verán desde o venres 22.


31 de maio de 2018

Na BBS tod@s contamos: Dália, Nerea, Noa e Tero

Este xoves tivemos o último contacontos no recreo por este curso. Despedímonos cun conto en familia, unha versións dos tres porquiños dramatizada por Noa, Nerea, Dália e a súa nai, Tero. Foi un broche de ouro para a tempada de contacontos deste ano: prepararon decorados, cantaron, trouxeron noces, cereixas e amorodos para compartir... Unha gozada! Elas pasáronno de medo, notouselles, e nós tamén.
Graciñas ás catro por compartir con nós este conto e preparalo con tanto agarimo. Encantounos!





Bravo, contadoras!

30 de maio de 2018

Última Mochila Viaxeira

Santi levou esta semana a última Mochila Viaxeira deste curso. Tivo que agardar moito por ela, pero ao final chegou o día. Esperamos que atope nela lecturas que lle gusten e que durante dúas semanas goce delas, como vos pasou a moit@s ao longo destes meses de viaxe. 
Diego e Alexia tiveron as mochilas nas súas casas nestas últimas semanas e quixeron compartir coa BBS o ben que as acolleron. Graciñas!


Despedida dos axudantes

Todo o bo remata e os nosos axudantes, que foron ben bos e ben boas, están a rematar o seu traballo por este curso. O luns tivemos a última xuntanza-xantar e aproveitamos para avaliar o feito e sobre todo para pasar un tempo xunt@s.

Xantar en Campo Maneiro






De volta na escola e despois de avaliar o funcionamento da BBS neste curso, estivemos decorando as "fotos en movemento" que se fixeran no primeiro xantar dos axudantes para levalas de recordo.











Parabéns e graciñas pola vosa implicación na BBS, axudantes!


Para os que marchades do cole os nosos mellores desexos, xa sabedes onde tedes a vosa biblioteca e non deixedes de implicarvos tamén na biblioteca do instituto ao que vaiades. Moita sorte!


29 de maio de 2018

Na BBS tod@s contamos: Noelia e María

María e a súa nai, Noelia foron as nosas contadoras o xoves pasado. Escolleron Velliñas, de Charo Pita e Fátima Alonso, un dos imprescindibles na BBS, pola historia, pola beleza das ilustracións e porque Charo Pita nos gusta moito como contacontos e como escritora.
Noelia e María, xa son veteranas contadoras e unha vez máis conseguiron que non perderamos detalle do que lles aconteceu a estas velliñas entrañables. 
Grazas, Noelia! Grazas, María!








Moi ben, contadoras!



Mira Rianxo

Acaba de ver a luz un novo proxecto no noso concello. Chámase Mira Rianxo e defínese coma "un proxecto audiovisual impulsado dende o Concello de Rianxo que busca construir unha imaxe colectiva desta vila a través de pezas audiovisuais feitas pola cidadanía. Mira Rianxo é unha ferramenta dixital colaborativa que amosa Rianxo ao mundo hoxe, con todo o seu potencial social, cultural, simbólico, económico e humano."

http://mirarianxo.gal/Inicio/

Entrade e descubride a músicas, escritores, pintores ou dramaturgas falando do seu traballo e a súa relación con Rianxo  
En Cousas de Rianxo, unha das seccións da páxina do proxecto sae a nosa biblioteca, a BBS, nun vídeo que se gravara xa hai uns anos. Foi unha agradable sorpresa!