2 de abril de 2023

O libro dos porcos

Minia, Candela, Carlota, Xoana e Valeria pecharon os contacontos do recreo do 2º trimestre cun conto ben acaido para o mes de marzo: Mes da Muller, da Poesía e do Teatro. Dramatizaron para nós O libro dos porcos de Anthony Browne. Sempre é un gusto escoitar esta historia tan necesaria, pero se ademais as contadoras actúan, xa é un luxo!






Bravo, contadoras!

Desde a Radio BBS para Radio Voz

 Aquí está o programa que Radio Voz emitiu o xoves 23 de marzo na súa programación de tarde. Foi elaborado polos axudantes da BBS de 5º e 6º, que se encargaron de transmitir "ao mundo" como é o CEP Brea Segade. 

Parabéns, rapaces e rapazas! Moi bo traballo!



PROGRAMA RADIO VOZ

31 de marzo de 2023

Encontros Plambe 2022-2023

  

Hoxe é día de encontro e formación para os centros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Alí estaremos, un ano máis, aprendendo e recollendo ideas, propostas e experiencias para traelas de volta á BBS. A formación é unha das claves do éxito do Plambe e a base da transformación das  bibliotecas escolares galegas nos últimos anos. 

30 de marzo de 2023

Radio BBS en familia

Este mércores tivemos unha nova sesión do programa Lectura e familias. Desta vez estivemos facendo radio, primeiro descubrindo a  Radio BBS e despois gravando un podcast entre grandes e pequen@s. 

Xa vimos que hai "madeira radiofónica" tamén entre as familias do Brea Segade. 😍 Estade atent@s á publicación do podcast!









29 de marzo de 2023

O Club Ciclista Padronés Cortizo

Hoxe o noso patio encheuse de bicis. Tivemos a segunda sesión cos adestradores do Club Ciclista Padronés Cortizo, a máis agardada, a sesión práctica. Todo o cole puido practicar nun circuíto que montaron no patio e mellorar as habilidades coa bici. Temos toda a Semana Santa para practicar, a ver se non chove! 

Grazas, Club Ciclista Padronés Cortizo!






26 de marzo de 2023

Sintaxe nas Xornadas de Linguas

Onte presentouse o método Sintaxe nas Xornadas de Linguas organizadas polo CAFI en Santiago. Alí estiveron Emilio Neira e o equipo de Sintaxe explicando en que consiste o método e os resultados que está tendo en Suíza. Tamén estivo profesorado do Brea para contar como está a resultar a experiencia de ser centro piloto de Sintaxe en galego. 

Imparable Sintaxe! Moi orgullos@s e content@s de poder formar parte desta experiencia. 

Parabéns a Emilio e a todo o equipo Sintaxe!



25 de marzo de 2023

Máis ca leña: 5º

Onte retomamos as visitas do proxecto Máis ca leña. Foi un día importante, a aula de 5º realizou a súa primeira visita guiada, despois de meses de traballo sobre os diferentes espazos e recursos que podemos atopar no itinerario de Máis ca leña. Estreáronse co alumnado e profesorado do Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal de Boiro. 

Bravo, 5º! Fixéstelo de marabilla! Agora a continuar aprendendo sobre o noso monte para compartilo con máis  visitantes que irán chegando a área de Máis ca leña.

Grazas ao Obradoiro de Emprego de Boiro polo seu interese no proxecto e polo apoio aos rapaces e rapazas do Brea Segade que guían as visitas. 







22 de marzo de 2023

Lectura e familias: Radio BBS

 


Cada uno es como es

 Hoxe Xoana, Breixo, Sabela e Carlota foron os contadores do recreo. Escolleron Cada uno es como es de Jaume Copóns e Gusti, unha historia sobre unha pandilla moi especial na que tod@s son diferentes e tod@s son únicos. Moi boa escolla e moi bos contadores e contadoras. Bravo!


Moi ben!

Con Anxo Fariña: A cidade violeta

Este luns visitounos o escritor e ilustrador Anxo Fariña. Desta vez non veu falarnos da súa obra como xa fixera outros anos, se non que veu un desenvolver un obradoiro dos Contratos Programa: Inclúe-T, Emociona-T e Convive-T, que este ano se está a levar a cabo no noso cole. Coa súa Cidade Violeta falamos, debuxamos e coloreamos sobre a igualdade.